Unha mensaxe de SOS enviado por erro mobiliza ao servizo de emerxencias no campus
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra recibiu ao redor das 13.20 horas deste mércores a chamada dunha muller que alertaba de que o seu fillo acabáballe de enviar unha mensaxe pedindo axuda acompañado dunha ligazón a un lugar que o situaba nas inmediacións da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra.
De forma inmediata desprazouse ao lugar unha patrulla para dar con este home de 27 anos veciño de Moaña. Ao chegar á zona indicada xa se atopaba alí unha ambulancia e acto seguido chegaron varias patrullas da Policía Nacional.
Despois de revisar a facultade e a contorna do campus non lograron localizar a ninguén que precisase axuda. Máis tarde, lograron localizar a esta persoa nas inmediacións da ponte da Illa do Cobo. Unha vez identificado descubriron que por erro mandara a mensaxe á súa nai e que posteriormente apagara o móbil.
Ao comprobar que non se trataba de ningunha situación de emerxencia, os axentes puxéronse en contacto coa nai do novo para tranquilizala e explicarlle o ocorrido, que son mensaxes programadas nalgúns teléfonos intelixentes e que se están activadas envían unha mensaxe de SOS ás persoas que estableceron a súa localización.