Limpeza integral para os 820 contedores de Caldas de Reis
Por Redacción
O servizo de Medio Ambiente do Concello de Caldas de Reis puxo en marcha o seu plan anual de limpeza e desinfección dos colectores destinados á recolección de residuos sólidos urbanos.
Segundo a información oficial difundida polo Concello, os traballos comezaron nas parroquias do rural e continuarán no casco urbano.
A empresa especializada S.A de Gestión de Servicios y Conservación realiza os traballos en coordinación co persoal municipal de residuos sólidos urbanos.
Trátase dun proceso longo e complexo que afectará a 820 colectores de todo o municipio. Realízase unha limpeza e desinfección integral e en profundidade ao interior, o exterior e ás tapas.
Debido á precisión necesaria para a correcta execución do procedemento de desinfección, o tratamento realízase coa axuda dun camión 'limpacolectores'.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, destacou que o de Caldas é un dos poucos concellos que realizan este tipo de actuacións e que "son moi importantes" para a boa conservación destes elementos e, en consecuencia para unha óptima prestación do servizo de recollida de lixo.