Vilaboa aposta por O Toural como núcleo de referencia e mellora o vial ata Picho
Por Redacción
O Concello de Vilaboa confirma a súa aposta por converter a zona de O Toural como o seu núcleo de centralidade, pois concentra todos os servizos administrativos, sanitarios e educativos e acollerá tamén o futuro tanatorio que impulsan os comuneiros. A seguinte actuación dentro desta aposta será unha mellora integral do camiño que vai ata O Picho.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, destaca que o desenvolvemento do municipio pasa por unha serie de actuacións que pasan polo desenvolvemento dun área industrial e a aposta por chan residencial partindo dun núcleo central que é O Toural.
"A mellora deste camiño está enmarcada nese ambicioso proxecto", destacou, pois "O Toural ten que ter unha rede viaria en condicións, que facilite o tráfico rodado pero sen esquecer aos veciños". "Vai ser o noso núcleo de referencia e iso ten que apreciarse tamén na estética, por iso esta actuación presta atención a diversos elementos humanizadores da contorna", engadiu.
A actuación terá un orzamento de 83.256,68 euros e realizarase a través dunha achega económica aprobada pola Deputación Provincial dentro do Plan Concellos.
O proxecto contempla a renovación e mellora do firme e tamén elementos de humanización en todo o trazado do vial que favorezan o seu uso por parte dos peóns e que teñan seguridade vial.
O vial soporta unha alta intensidade de tráfico nos seus dous carrís destinados ao tráfico rodado para ambos sentidos. Non ten na actualidade espazo destinado ao tránsito peonil e tampouco elementos de calmado de tráfico, pero isto cambiará con este proxecto.
A actuación manterá os actuais límites do vial pero reservará un espazo pintado con slurry, cun ancho variable, que estará reservado para os peóns. No futuro, tras xestionar as cesións oportunas, a intención do Concello é ampliar esta zona para lograr un ancho óptimo para o paso peonil.
A obra inclúe tamén a dotación de badéns que estarán debidamente sinalizados, o repintado de todo o camiño e a instalación de iluminación led.