Rastrexan o río Verdugo para localizar a Manuela Barbosa, desaparecida en Arcade
Por Redacción
Doce días leva desaparecida Manuela Barbosa, unha muller de 66 anos que foi vista por última vez en Arcade o pasado 13 de xullo. Desde entón a súa procura, a pesar do amplo dispositivo despregado pola zona, foi infrutuosa.
A pesar diso, as autoridades non descansan e, nas últimas horas, volveron a percorrer toda a zona próxima ao río Verdugo, que separa Arcade do núcleo pontevedrés de Ponte Sampaio, en busca dalgunha pista que permita dar co seu paradoiro.
A muller desaparecida, que ten problemas de mobilidade, é de complexión delgada, ten o pelo louro e os ollos negros. Levaba posto un vestido beige con flores, sandalias e un bolso de palla, segundo detallaron os familiares.
DESAPARECIDA
— ALERTA DESAPARECIDO (@sosdesaparecido) July 15, 2021
Actualización de alerta. #Desaparecidos #sosdesaparecidos #Missing #España #Arcade #Pontevedra #Soutomaior pic.twitter.com/ZRU69sZe2Y
A Garda Civil rastrexa de maneira intensa os lugares aos que podería ir a muller e, para iso, ademais de unidades a pé, conta co apoio do escuadrón de cabalería e de drons cos que se rastrexan as zonas de máis difícil acceso.
A noticia da desaparición de Manuela Barbosa foi compartida a través de redes sociais por numerosas personalidades, entre eles os actores Luís Zahera e Octavi Pujades, ou a presentadora de televisión Carmen Alcayde.