Máis do 65% da poboación da área sanitaria recibiu a dose completa da vacina
Por Redacción
Segundo os datos que manexa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a última hora deste domingo 25 de xullo, o número de persoas que conta con pauta completa da vacina anti covid sitúase en 179.428, un 65,36% da poboación da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que se sitúa ao redor de 300.000 persoas, segundo os datos dos padróns municipais do ano 2020 dos 27 concellos que pertencen a esta zona, sempre tomando a cifra de poboación a partir de 12 anos de idade..
O número de doses administradas ascende a 359.156 e o número total de persoas residentes na área sanitaria ás que se administrou algunha dose ascende a 199.751 persoas, un 72,78% da poboación, segundo datos da Consellería de Sanidade.
A cifra de persoas sen pauta completa sitúase en 20.323, un 7,40% da poboación pertencente á área sanitaria que recibiu a primeira dose da vacina.
O sábado 24 de xullo convocábase a 5.052 persoas no Recinto Feiral de Pontevedra e a 2.270 no pavillón de Fexdega de Vilagarcía de Arousa para recibir vacinas Pfizer dentro dunha nova xornada de vacinación masiva programada pola Consellería.