280.000 euros para impulsar o novo mercado de Sanxenxo
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo deu un novo impulso á construción do novo mercado da localidade coa aprobación dunha partida de 280.000 euros. A partida inclúese nunha modificación de crédito aprobada no Pleno deste luns.
O primeiro paso que se vai a dar con esta partida é encargar a redacción do proxecto definitivo ao arquitecto Toni Bosch Miquel, do estudo de arquitectura Gemma de Lleida, que resultou gañador do concurso que convocou o Colexio de Arquitectos de Galicia, ao que se presentaron 63 propostas.
O novo mercado de Sanxenxo será un edificio sostible e traslúcido e un espazo gastronómico, comercial e cultural. O proxecto inclúe solucións que van máis aló do propio edificio, como a praza que abarca a Rúa Madrid e a Rúa Constitución, onde o tráfico será acougado e subordinado ao peón, pero facilitando o acceso dos vehículos ao aparcamento subterráneo que terá.
O segundo paso é a elección do espazo onde se situará o mercado mentres duren as obras e o seu acondicionamento para que vendedores e clientes estean o máis cómodos posible. O goberno xa baralla algunha posible localización que reúne as condicións, de proximidade ao actual mercado e comodidade para vendedores e clientes.
O terceiro paso é a derriba do actual mercado para que se poidan iniciar as obras. Trátase duns traballos de precisión para non prexudicar o tráfico, nin aos veciños da contorna.
O novo mercado ten un orzamento que supera os 4 millóns de euros e está previsto financialo con fondos da Xunta e municipais.