O Sergas anuncia novos puntos fixos e móbiles para a realización de test de antíxenos

Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés comezará en próximas datas a efectuar cribados con test de antíxenos a aqueles usuarios que, con cita programada ou sen ela, queiran achegarse a efectuar esta proba tanto en puntos fixos como en puntos móbiles de cribado que o Sergas mantén activos.
Esta iniciativa preventiva está aberta a toda a poboación, sen límite de idade, e ten como obxectivo alcanzar un maior nivel de detección de casos de COVID-19.
Os cribados con test de antíxenos realizaranse priorizando a autocita, pero tamén asumindo poboación sen cita previa. As probas realizaranse en emprazamentos fixos, situados en Pontevedra e Vilagarcía, e en puntos móbiles por diferentes localidades da área sanitaria de Pontevedra-Salnés que irán variando cada semana en función da incidencia epidemiolóxica do número de casos en cada concello.
CRIBADOS EN PUNTOS FIXOS
- En Pontevedra, no Vestíbulo da entrada do IES Sánchez Cantón (avenida Raíña Vitoria), este sábado 31 de xullo e os martes, xoves e sábados de agosto, en quendas de mañá e tarde.
- En Vilagarcía de Arousa, no Recinto feiral de FEXDEGA, con cribados en quendas de mañá e tarde xa operativos os xoves, venres e sábados.
CRIBADOS ITINERANTES
- En Cambados, no pavillón do instituto Santo Tomé, o sábado 31 de xullo e o mércores 4 de agosto, en quendas de mañá e de tarde.
- No Grove, no pavillón do IES Monte da Vila, o luns 2 de agosto, mañá e tarde.
- En Bueu, nas instalacións da piscina municipal, o sábado 7 de agosto, mañá e tarde.
PUNTOS DE XESTIÓN ADMINISTRATIVA
Así mesmo, desde a área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés infórmase de que se está preparando a habilitación dun total de 9 puntos de xestión administrativa distribuídos por localidades con incidencia alta de coronavirus.
Estas oficinas de atención estarán dispoñibles de luns a sábado para labores administrativos relacionados coa COVID-19, como pode ser a impresión do certificado de proba diagnóstica negativa, vacinación ou enfermidade pasada; activación da ‘chave 365’; ou tramitación dunha alta rápida no sistema para persoas con residencia fóra de Galicia.
Relacionadas:
-
A covid-19 dispárase no Grove con 30 casos activos e leva a organizar un cribado
Por Redacción |
-
Habilitan espazos para realizar xestións relacionadas coa covid en nove localidades da área sanitaria
Por Redacción |
-
Habilitado un punto de test covid no Porto Deportivo para favorecer o acceso seguro á hostalería
Por Redacción |
-
Longas colas en Pontevedra para realizar un test de antíxenos e conseguir o certificado
Por Redacción & Cristina Saiz |