O PP esixe a actualización do Plan de Emerxencias "para que os servizos poidan actuar de maneira máis eficaz"
Por Redacción
Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra reclama "non recibir ningunha resposta por escrito sobre a pregunta que realizou no último Pleno municipal sobre a actualización do Plan de Emerxencias Municipal". Segundo Fernández, "o Concello tiña 10 días de prazo para achegar esta información, algo que non sucedeu".
A orixe da pregunta débese a un operativo dos servizos de emerxencia no que tiveron dificultades para sufocar un lume no centro da cidade, polo que a encargado da área de urbanismo e mobilidade dentro do Partido Popular denunciou a situación.
Tal e como explicou Pablo Fernández, todos os cambios realizados na cidade deberían figurar no documento correspondente, de 2007, "para evitar situacións como as que veñen dando".
"O problema non é só que non saiban en que punto está dita actualización, é que ignoran completamente a problemática e nin son capaces de contestar no Pleno municipal nin por escrito no prazo no que teñen que facelo", recoñece o popular, que á súa vez esixe "a actualización do Plan de Emerxencias de maneira inmediata para que os servizos de emerxencias poidan actuar de maneira máis eficaz na nosa cidade".