A pontevedresa Lara Cores e o marinense Manuel Albariñas gañan os premios 'Reacción polo Clima'
Por Redacción
Xa conta con gañadores a segunda edición dos premios 'Reacción polo Clima', que organiza a Deputación de Pontevedra para promover entre a mocidade a defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
Lara Cores Piñeiro, de 23 anos, de Pontevedra, vencía e lograba o primeiro premio dotado con 2.400 euros. O seu vídeo 'Adiós ríos, adiós fontes' ofrece, segundo o xurado, os danos da contaminación en Galicia utilizando música do grupo Baiuca, poemas e lírica galega, ademais de imaxes da paisaxe da comunidade. A presidenta Carmela Silva indicou que este traballo serve de recordatorio para non esquecer como se debe actuar para manter Galicia e non esnaquizala.
O segundo premio foi a mans do marinense Manuel Albariñas, de 21 anos, que recibirá mil euros polo seu traballo 'Puro aire'. Esta obra reflexiona sobre os momentos máis duros do confinamento debido ao covid-19, destacando o efecto que tivo nas emisións á atmosfera.
Por último, o terceiro premio, con 600 euros, levoullo o colexio Marcote de Vigo, a través do traballo 'Antropoceno destrución', do primeiro curso de Bacharelato, unha obra en clave de rap que conciencia sobre a contaminación ambiental.
Tamén se realizou unha mención especial ao traballo de Luís Villanueva, de Silleda, polo seu audiovisual 'Ioane' sobre un home de Kiriwati que a ONU declarou en 2020 o primeiro refuxiado climático.
Os premios serán entregados no outono na Gala dos Premios Provinciais á Xuventude.