O ORAL estrea nova oficina de atención á cidadanía
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou este martes a nova oficina do ORAL situada no número 16 da rúa Manuel do Palacio. Este novo local serve como único punto físico de atención na cidade, permitindo que as persoas que precisen asesoramento presencial reciban unha atención máis simplificada ao non ter que desprazarse entre os distintos departamentos.
"As administracións temos que ser un buzón aberto para escoitar as demandas e as queixas da cidadanía, e así como á chegada deste goberno se recibían moitas, agora do ORAL non recibimos practicamente ningunha", dixo a mandataria socialista sobre a modernización que experimentou este servizo ao longo dos últimos anos.
No encontro co equipo directivo, a presidenta da Deputación agradeceulles "o traballo, o compromiso e as novas ideas e propostas que teñen planificado. Todo elo ten permitido unha maior eficiencia e eficacia no labor que se desenvolve".
A nova oficina de atención ao público do ORAL en Pontevedra conta con oito postos de atención e está dotada de melloras tecnolóxicas que permiten axilizar trámites como a obtención de duplicados de recibos ou notificacións.