Interceptan unha condutora que circulaba en sentido contrario pola "autovía" de Marín
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Marín interceptou unha condutora cando viaxaba en sentido contrario pola estrada PO-11, coñecida popularmente como a "autovía" de Marín.
Segundo fontes oficiais da Policía Local, a condutora é unha veciña de Marín de 72 anos "que nin sequera sabía en que momento accedera á PO-11 desde o sentido contrario" e que foi proposta polos axentes municipais a unha revisión extraordinaria das aptitudes psicofísicas para conducir, ademais de ser denunciada por condución temeraria.
O suceso tivo lugar este martes ao redor das dez da mañá. Foi un peón quen alertou a un motorista da Policía Local de Marín que estaba de garda en Marqués de Valterra, advertíndolle que un vehículo circulaba en sentido contrario pola PO-11 en dirección Pontevedra pola estrada máis próxima á ría.
Inmediatamente iniciou a busca observando ao motorista cando un vehículo vermello baixaba polo carril esquerdo e os coches que circulaban correctamente cambiaron de carril violentamente e déronlle ráfagas de luz.
Á altura do estaleiro dos Praceres, o policía consegue poñerse en paralela ao vehículo e comeza a facerlle señas, polo que a condutora dimunúe a velocidade. Inmediatamente o policía acelera ata estar uns metros por diante, detén a moto e despois de saltar a mediana consegue frear o movemento de vehículos en dirección Marín.
Os dous primeiros coches que pasaron a altura do policía detiveron os coches a poucos metros do vehículo da condutora que circulaba en sentido contrario. Nun deses coches viaxaba unha parella cun neno no asento traseiro.
Sucede que no punto no que se detivo o tráfico había unha redución de carrís por obras e todos os vehículos circularon só polo carril esquerdo (o mesmo que conducía a condutora en sentido contrario).
Os traballadores da construción que reparaban os danos na calzada tamén colaboraron avisando aos condutores e desviando á protagonista deste suceso á zona de obras protexida por conos.
Grazas á persoa que deu o aviso e á sorte de que un motorista estaba preto, evitouse o que sería unha colisión frontal con posibles feridos graves.