As actividades de Espírito Montuno continuarán en setembro
Por Redacción
O programa Espírito Montuno desenvolveu ao longo do mes de xullo, até 16 actividades nos parques forestais da Fracha, a Tomba e o Pontillón do Castro. Máis de 160 persoas gozaron con elas.
O Concello ten intención de seguir traballando neste sentido, por iso, tomando un descanso no mes de agosto, continuará ofrecendo actividades de interese para a veciñanza que permitan conectar co entorno natural e os espazos públicos recuperados dentro deste eido.
O concelleiro de xuventude, Alberto Oubiña, sinala que as primeiras actividades de Espírito Montuno contaron "cunha participación moi positiva, polo que queremos recuperar o programa en setembro".
Deste xeito, xa son 8 as actividades programadas para o vindeiro mes, divididas en tres grupos de idades distintos:
- Infantís
- Obradoiro de creación artística sobre arte e natureza
- Como é a auga?
- Familiar
- A procura do tesouro. Geocaching en familia
- Buscando o Norte. Actividade de orientación con mapa
- Adultos
- Observación de aves forestais (dobre sesión)
- Bicicleando
- Mar de estrelas
O mes de setembro será unha nova oportunidade para poder gozar con estas actividades variadas e de todo tipo.
Alberto Oubiña informou que "a idea é tamén amplialas até o ano que vén, propoñendo novas actividades e retomando as máis exitosas, coa idea de que todo o mundo poida gozar con elas".
Como explica o edil nacionalista, "estas son unhas actividades que permiten o contacto co medio, onde aproveitamos espazos naturais e poñemos en valor o monte como alternativa de ocio. Comprobamos que hai unha aprendizaxe de elementos que ao mellor estanse a descoidar no mundo urbano, ou están moi pouco presentes, por iso esta é unha oportunidade para volver a poñer en valor estes espazos naturais e sentilos como parte nosa".