A Deputación concederá axudas aos concellos por 2,2 millóns de euros para peonalizacións
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Movilidad, Uxío Benítez, presentaron este mércores as subvencións concedidas aos concellos para realizar "actuacións de recuperación do espazo público para as persoas" ao amparo do Plan Ágora, a rede de acción institucional da Administración provincial e os concellos para realizar políticas que fomenten este tipo de actuacións de "impulso das mobilidades alternativas".
Uxío Benítez subliñou que desde a Deputación "imos repartir 2,2 millóns de euros para actuar en 170.000 metros cadrados, con 140.000 deles dedicados integramente aos peóns".
Segundo informou Uxío Benítez, a día de hoxe, "temos 54 concellos adheridos" a este Plan Ágora dos 61 que hai na provincia.
Dentro das iniciativas do plan existe unha liña de axudas para a redacción de proxectos (cunha subvención máxima de 50.000 euros cun tope do 90% do valor da redacción) e execución de obras (subvención do 20% cun importe máximo ata 100.000 euros).
Como requirimentos esíxese un incremento do espazo peonil do 50% respecto ao existente e que a superficie gañada teña un mínimo de 300 metros cadrados "cando remate o plan queremos ter datos reais de cantos metros cadrados de espazo público xeráronse", dixo Benítez.
Tal e como destacou o deputado nacionalista "queremos traballar cos concellos comprometidos con incrementar o espazo público para as persoas".
En total para a redacción de 31 proxectos a Deputación de Pontevedra vai dar axudas por un total de 1,5 millóns de euros "que supoñerán un total de 82.313 metros cadrados gandos para os peóns". E para a execución de 8 obras noutros tantos municipios subvencionaranse por un importe de 666.682 euros que supoñerán 13.703 metros cadrados peonís.
A presidenta da Deputación de Pontevedra incidiu en que no Goberno provincial "temos moi claro que o noso obxectivo é transformar". E destacou que este tipo de actuacións no espazo público, entendido como un dereito, "ten que ver coas políticas que desenvolvemos en medioambiente ou en igualdade, porque se a alguén lle favorece a recuperación do espazo público é ás mulleres" ademais da infancia e as persoas maiores.
Carmela Silva asegurou que na Administración provincial "somos unha gran referencia en cumprimento da Axenda 2030 e de todo o que ten que ver cos fondos Next Generation da Unión Europea e a ‘políticas panca’ do Goberno do Estado" polo que afirma que en Pontevedra "imos un paso por diante".
REACCIONA PONTEVEDRA
A presidenta provincial lembrou que este pasado luns terminou o prazo para presentarse ao Plan REACPON (Reacciona Pontevedra) ao que a Deputación destina 20 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes con tres liñas de financiamento para proxectos en espazos públicos, de rehabilitación e de nova construción.
Carmela Silva indicou que os proxectos presentados ao ReacPon cumpren os principios do Plan Ágora polo que considera que "ter un proxecto claro, ter as ideas claras, fai que toda a provincia, moi maioritariamente se sue a este modelo". Por iso afirmou con rotundidade que "somos a administración de todo o Estado que conta con máis complicidade dos concellos para a transformación", algo que se conseguiu co cambio de Goberno na Deputación.
"A aplastante maioría dos concellos sumáronse" ao Plan Ágora "e agora son cómplices do novo modelo e iso hai que poñelo en valor, porque non é doado", engadiu.
Finalmente Carmela Silva asegurou que "esta provincia hoxe está xa irrecoñecible pero o cambio en 2023 vai ser tan transcendental que fará de nós o exemplo para seguir", rematou "con orgullo" a presidenta da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A Deputación convoca un certame de fotografía sobre o espazo público
Por Redacción |
-
Vilaboa ampliará a súa Casa Consistorial cun edificio anexo
Por Redacción |
-
A Deputación difundirá Pontevedra como destino turístico ante empresas do sector en Madrid e Valencia
Por Redacción |
-
Acto multitudinario para celebrar os seis anos de goberno na Deputación
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
A Facultade Ágora acolle un último seminario sobre "Mobilidades alternativas" antes do parón do verán
Por Oskar Viéitez |