O BNG critica a falta de melloras no muro do Camiño de Cividanes
Por Redacción
As queixas e demandas da veciñanza de Cividanes, do camiño San Jorge e da Costa, xa chegaron a oídos do goberno local de Marín. Este descontento comezou a asomar en xullo pola situación de abandono na que se atopaba a zona coa colocación de pancartas. Por ese motivo, dende o BNG de Marín decidiron escoitar as demandas dos residentes e trasladalas este venres ao goberno local.
"A veciñanza ten toda a razón nas súas reclamacións, e esixe accións. É unha zona moi próxima ao centro da vila que se atopa totalmente abandonada, cun muro no Camiño de Cividanes, a carón dun grupo de vivendas e que sostén o estreito camiño de San Jorge polo que circulan numerosos vehículos cada día, que presenta un grave risco de derrube, cunha manifesta falta de mantemento do Camiño San Jorge e unha completa falta de limpeza da vexetación", explicou a portavoz do BNG de Marín, Lucía Santos,
Ademais, a agrupación nacionalista lamenta "a falta de solucións manifestadas polo concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos", mentres que dende o Bloque esixen "unha pronta solución ás xustas demandas da veciñanza da zona".
O malestar vén de que, o muro, que foi contruido hai máis de corenta anos e que fai de estrada de acceso a vivendas do Camiño San Jorge, está cheo de baches e sen canalización para augas pluviais, coas conseguintes inundacións nas vivendas cando chove.
O BNG denuncia tamén que Manuel Santos, anunciou en xaneiro de 2020 que se ía comezar o proxecto de mellora do muro, considerándoaa "vital" dado o mal estado de conservación desta infraestructura, cun custe de algo máis de 100.000 euros. O concelleiro chegou a afirmar "risco de derrumbamento" polo que non entenden que, despois de 19 meses "non fixo absolutamente nada para realizar esta actuación e agora anúncialle á veciñanza que pode demorarse durante anos".
"Non comprendo como despois de 19 meses de promesas, esta obra, tan necesaria para a seguridade da veciñanza, continúa sen executarse", explicou Lucía Santos, que comprobou o estado da zona, onde se reuniu en dúas ocasións coa veciñanza.
Santos insta ao concelleiro de urbanismo, Manuel Santos, "a actuar de inmediato antes de ter que lamentar unha desgraza. Coincidimos coa veciñanza, e co concelleiro de urbanismo, en que esta é unha actuación vital dado o risco de derrumbe, mais cómpre actuar e deixarse de facer publicidade nos medios, polo que continuaremos esixindo a execución inmediata destas obras e unha maior seriedade nas súas funcións polo ben da seguridade da veciñanza".