O BNG apela ao legado de Bóveda e presenta un novo modelo de financiamento "que non discrimine a Galiza"

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
O BNG envorcouse este martes coa conmemoración do Día da Galiza Mártir en Pontevedra e Poio. Ademais de acudir de xeito masivo ao acto central ante o monumento a Alexandre Bóveda na Caeira, a agrupación organizou un acto político de homenaxe ao dirixente do Partido Galeguista fusilado o 17 de agosto de 1936 na praza de Curros Enríquez e a súa portavoz nacional, Ana Pontón, compareceu na sede comarcal do partido para presentar a 'Iniciativa Bóveda' para un novo modelo de financiamento que "non discrimine a Galiza", e "nos dea soberanía fiscal".
Pontón compareceu ante os medios pola mañá e defendeu que o legado de Bóveda continúa vixente 85 anos despois do seu fusilamento e demandou que é o momento de saldar a "débeda democrática con Bóveda e a súa xeración". Para facelo, pide rehabilitar a súa figura a través da anulación do xuízo sumarísimo que o condenou a morte no ano 1936, pois ve unha "vergoña democrática" que a súa figura non se teña rehabilitado máis de oito décadas despois do seu fusilamento.
A líder nacionalista cre que chegou o momento de anular todas as sentenzas, expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou de identidade e diversidade sexual e valora que na actualidade é, se cabe, máis importante, ante o auxe do neofranquismo. "A mellor vacina é coñecer a nosa historia e denunciar o franquismo para acabar coa impunidade dos crimes do franquismo", insistiu.
En relación coa bautizada 'Iniciativa Bóveda', a portavoz nacionalista explica que o actual modelo de financiamento leva caducado desde 2014 e o Goberno do PP na Xunta de Galicia "non moveu un dedo" para cambialo. É, ademais, un sistema "opaco, caduco e centralista que non ten en conta a nosa realidade".
Dende o BNG quixeron lanzar esta iniciativa para abrir un debate social e institucional sobre un novo modelo de financiamento que permita ter a chave dos cartos dos galegos e das galegas en Galicia e cun obxectivo moi claro, "construír unha Galiza próspera con máis recursos para contratar máis persoal sanitario, máis profesorado, mellorar a atención primaria, construír rede pública para atender ás persoas maiores, axudar aos sectores económicos máis afectados pola crise ou enfrontar o cambio climático".
Os nacionalistas instan á Xunta a crear unha negociación a través dunha comisión no Parlamento galego sobre este novo modelo de financiamento autonómico e unha comisión bilateral co Estado.
Este concerto económico debe contar con capacidade fiscal sobre os impostos soportados por Galicia, crear unha Axencia Tributaria Galega e transferir aos concellos os recursos necesarios para as competencias e servizos que desenvolven, en base a un modelo de financiamento local propio
Ana Pontón acudiu pola tarde ao acto político en Curros Enríquez, ao que non faltaron os deputados no Parlamento Luís Bará, Carmela González, Montse Prado e Manu Lourenzo; a responsable comarcal de Galiza Nova, Marta Gómez; os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral; a deputada provincial María Ortega; ou os concelleiros de Poio e Pontevedra Marga Caldas, Demetrio Gómez, Anabel Gulías, Carme da Silva, Eva Vilaverde ou Pilar Comesaña.
O acto celebrouse entre fortes medidas de seguridade, con varias dotacións das policías Local e Nacional controlando todos os accesos á praza a modo preventivo para evitar problemas como os ocorridos o día do Pregón da Peregrina, no que irromperon traballadores de Ence. Este martes ninguén irrompeu no acto, pero Ana Pontón si os tivo presentes e lembrou que o BNG "non se dobrega aos intereses de ningunha empresa". Tamén advertiu que "se pensan que nos van amedrentar, que perdan toda esperanza".
Durante a súa intervención no acto, a líder do BNG lembrou a recente vitoria xudicial que devolveu a mans do pobo o Pazo de Meirás e sinalou que non é casualidade que Galicia sexa "a vangarda na loita contra o franquismo e o neofranquismo". Débese, segundo explicou, a que "hai un movemento da memoria e o nacionalismo que non comulga coas pedras de muíño dunha transición que asentou a impunidade do franquismo".
Sobre Alexandre Bóveda, sinalou que 85 anos despois do seu fusilamento continúa a haber unha débeda pendente coa súa memoria e que este ano é o primeiro que se pode dicir que o seu fusilamento está en mans da xustiza pero non na da xustiza española, senón en Arxentina. Esta situación só se pode definir como unha "anomalía democrática", unha "aberración histórica" que só se explica pola impunidade co que foron tratados os criminais franquistas nunha transición que preferiu facer borrón e conta nova botando toneladas de terra sobre a memoria da dignidade.
Pontón dedicou un especial recoñecemento á participación da área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, que dirixe María Ortega; o labor do deputado Luís Bará pola recuperación da memoria histórica, á Deputación da Coruña para recuperar o Pazo de Meirás co impulso de Goretti Sanmartín, así como as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento Galego e o traballo de concellos como o de Pontevedra.
No caso da cidade do Lérez, destacou que antes de que a lei de memoria histórica obrigase a retirar homenaxes franquistas dos nomes das rúas o Concello que dirixe Lores xa tomara esa decisión. Luís Bará, no seu discurso, tamén lembrou que en decembro de 1999, aos poucos meses de que o BNG chegase ao Goberno local, entregouse a Amalia Álvarez, esposa de Alexandre Bóveda e loitadora pola memoria, a chave de ouro da cidade.
Acto político do BNG polo Día da Galiza Mártir
O BNG envorcouse este martes coa conmemoración do Día da Galiza Mártir. Organizou un acto político na praza de Curros Enríquez de homenaxe ao dirixente do Partido Galeguista fusilado o 17 de agosto de 1936 coa participación de Ana Pontón, o deputado no Parlamento Luís Bará e a responsable comarcal de Galiza Nova, Marta Gómez
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Ana Pontón rodéase de pontevedreses ante o "gran reto" de liderar Galicia en 2024
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación encherá este venres o Teatro Principal coa estrea dun documental sobre a memoria histórica
Por Redacción |
-
Galiza Nova renova a súa Secretaría Xeral nunha asemblea celebrada en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
António Zambujo, talento para conmemorar o Día de Galiza Mártir
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Un día para a memoria histórica como "antídoto contra a cultura do silencio e contra a educación do non preguntar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
António Zambujo ofrecerá un concerto o 17 de agosto con motivo do Día de Galiza Mártir
Por Redacción |
-
Cinco novas familias adhírense á querela arxentina contra o franquismo
Por Alejandro Espiño |
-
Presentadas no Consulado arxentino as querelas polos asasinatos de Bóveda, Caamaño e Paz
Por Redacción |