Sanidade tamén vacinará a próxima semana aos menores de 12 e 13 anos, citados para o luns
Por Natalia Puga
A Consellería de Sanidade centrarase a próxima semana en vacinar aos mozos galegos de entre 12 e 16 anos. Días atrás xa anunciaran que vacinaría aos menores con idades comprendidas entre 14 e 16 anos e este venres engadiu que tamén recibirán a vacina os de 12 e 13.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou o calendario de vacinación tras unha reunión co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que se planificou a vacinación do alumnado de educación secundaria da comunidade de fronte ao comezo do curso escolar no mes de setembro.
Os primeiros en vacinarse serán os menores de 12 e 13 anos. O vindeiro luns, 23 de agosto, recibirán a vacina de Moderna nos puntos de vacinación de todas as áreas sanitarias.
Só se vacinará aos nenos que cumprisen os 12 anos, pero non os nados o mesmo ano 2009 que aínda teñan 11 porque a vacina tan só está autorizada para maiores desa idade. O plan de vacinación contempla que aquelas persoas que vaian cumprindo os 12 anos nos próximos meses váianse incorporando á vacinación.
Estes menores de 12 e 13 anos empezarán a ser citados este mesmo venres co envío de mensaxes de texto ao número de contacto que se asociou ás tarxetas sanitarias. Estas citas poderán comprobarse nas distintas aplicacións do Sergas, que en moitos casos xa están cargadas e recollen a citación.
A vacinación dos menores de 14 a 16 anos realizarase coa vacina de Pfizer nas xornadas do mércores 25 e o xoves 26.
O conselleiro remarcou que o comezo da vacinación deste grupo de idade "garante un inicio de curso aínda máis seguro", dado que para a semana do 13 ao 19 de setembro na que comezará o curso escolar, "todo o alumnado susceptible de recibir a vacina contará coa pauta completa".
Todos os menores de 12 a 16 anos que se vacinen necesitarán un consentimento informado por escrito, asinado polo pai, nai ou titor legal do menor. Este documento, estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde para descargar.
Ademais, deberase entregar no recinto de vacinación, en formato papel, cuberto e asinado. Con todo, este requisito lembrarase na mensaxe de citación, onde se incluirá unha ligazón directa para descargar do documento.
Relacionadas:
-
Empeza a vacinación de escolares de 12 e 13 anos: "moi tranquilos porque están acostumados a vacinarse"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Empeza a inmunización dos escolares: preto de 6.000 de 12 e 13 anos vacinaranse este luns
Por Natalia Puga |
-
1.211 casos activos, segue a curva descendente de infeccións na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade empezará a vacinar a próxima semana aos menores de 14 a 16 anos
Por Natalia Puga |