54 denuncias administrativas e unha xudicial durante a celebración do Armadiña e a Festa do Mar
Por Redacción
A Policía Local de Poio mantivo un dispositivo de seguridade durante esta fin de semana con motivo da organización de concertos do Armadiña e da Festa do Mar. Neste operativo, os axentes identificaron a un total de 155 persoas e tramitáronse 54 denuncias administrativas e unha denuncia xudicial.
O motivo desta denuncia xudicial foi por desobediencia grave e ameazas tamén graves ante a autoridade policial por parte dun veciño de Poio, que xa conta con antecedentes polos mesmos feitos.
En canto a restricións covid interpuxéronse 17 denuncias por non utilizar a máscara de seguridade cando non se mantiñan as distancias de afastamento entre persoas. Outras oito denuncias foron tramitadas por consumo de alcol en vía pública.
En materia de seguridade cidadá, a Policía Local realizou catro denuncias por negativa a identificarse a persoas que se atopaban incumprindo algún tipo de restrición. Posteriormente, todas elas foron identificadas pero realizouse a proposta de sanción á Subdelegación do Goberno.
Tamén se formulou unha denuncia por tenencia de armas a unha persoa que portaba un coitelo.
En materia relacionada con establecementos públicos, foi necesario desaloxar un establecemento ás 01.46 horas da noite cando o local permanecía coa porta pechada e no interior continuaban 35 persoas.
Ademais tramitáronse outras catro denuncias por incumprir o horario de apertura de establecementos, en dous dos casos tratábase de locais reincidentes.
Por último en materia de tráfico, os axentes realizaron 72 probas de alcoholemia, con só un resultado positivo. Tramitáronse, en cambio, 25 denuncias por diversas infraccións relacionadas coa circulación.
Segundo indican desde a Policía Local de Poio, a pesar destas infraccións, o operativo transcorreu con normalidade e sen incidencias graves tendo en cuonta o alto número de persoas que se achegaron pola contorna de Combarro durante a fin de semana.
Relacionadas:
-
O Armadiña Rock máis íntimo despídese de Combarro, que segue de celebración coa Festa do Mar
Por Redacción |
-
A Festa do Mar comeza en Combarro co Armadiña Rock e o encontro de embarcacións tradicionais
Por Redacción |
-
Control especial de seguridade en Poio con motivo da Festa do Mar e o Armadiña Rock
Por Redacción |