Volve ondear a bandeira azul na praia de Compostela coa reactivación do servizo de socorristas
Por Redacción
O 14 de agosto alertábase da aparición dun caso positivo por covid-19 entre o grupo de socorristas que vixían a praia de Compostela. Esa situación obrigou a baixar a bandeira azul deste areal de Vilagarcía de Arousa. Foi necesario que o persoal do posto de socorro mantivera un período de corentena para descartar novos casos.
Este mércores 25, o Concello de Vilagarcía anuncia que xa volve ondear a bandeira azul na praia despois de que o socorrista superase satisfactoriamente a enfermidade e os outros catro traballadores no servizo, que foran contactos directos co infectado, gardaran corentena e non contraeran o coronavirus. Desta forma, o operativo volve reactivarse ofrecendo desde este mércores as prestacións habituais.
O servizo de catro socorristas manterase desde as 12.00 ata as 20.00 horas de cada xornada en horario continuado.
A baixada da bandeira non supuxo o peche da praia, que seguiu sendo espazo para que os bañistas gozasen do sol durante este últimos trece días. O Concello organizara con persoal dispoñible uns servizos mínimos para garantir a seguridade dos bañistas co posto en funcionamento desde as 15.00 ás 20.00 horas. Os vixiantes en activo tiveron que dobrar os seus gardas e os efectivos de Protección Civil tamén colaboraron na vixilancia cunha zodiac tripulada por dous voluntarios.