Reabren tres zonas de marisqueo da ría de Pontevedra tras remitir parcialmente a marea vermella
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Tres zonas de marisqueo da ría de Pontevedra foron reabertas este martes tralas últimas análises realizadas polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Trátase das zonas I e II, as situadas na parte máis exterior da ría, e da zona IV, entre Sanxenxo e Aguete e a illa de Tambo aproximadamente, aínda que neste último caso tan só autorízase a extracción de navalla e longueirón.
Nas outras dúas, do mesmo xeito que na zona IV de Arousa (na parte norte da ría) e en tres zonas máis de Vigo e Muros-Noia, poderase extraer todo tipo de moluscos infaunais, fundamentalmente berberecho, almeja e navalla. Todas elas permanecían pechadas pola presenza de toxina en niveis superiores aos legalmente establecidos.
Con estas aperturas, Galicia conta a día de hoxe con doce zonas de marisqueo abertas, catro delas en Arousa e tres en Pontevedra (aínda que unha delas só para a navalla).
Trátase dun respiro para o sector que viu como tamén esta mañá reabríanse cinco polígonos de bateas da ría de Vigo, en concreto nas augas de Redondela. Son, polo momento, os únicos abertos en toda Galicia.
Ante esta situación excepcional nas rías galegas, este mércores celebrarase nas instalacións do Intecmar en Vilaxoán unha reunión da Comisión do Mexillón, presidida pola conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana. Nela trasladarase ao sector as novidades sobre a evolución desta marea vermella.
Ademais, antes e logo desta xuntanza, o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, manterán senllos encontros coa Comisión de depuración e comercialización e coa Asociación Galega de Cocedoiros de Mexillón.