Dotan de máis area e paneis informativos á praia canina da Seca
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, acompañado polas concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, visitou a praia canina habilitada este verán nas inmediacións da Seca. Nos últimos días o Concello de Poio procedeu á dotación de area para reforzar a superficie.
Martínez Blanco lembrou que a praia canina xa leva varias semanas operativa e que "está a resultar un atractivo moi importante para o noso concello, como así o demostra o feito de que estea a ser utilizada non só pola veciñanza e por turistas, senón tamén por persoas doutros municipios da contorna que se achegan expresamente a Poio para poder gozar deste espazo".
Tamén se procedeu á instalación dun panel informativo coas normas básicas que se deben cumprir desde o momento no que se accede e se solta aos cans no areal.
Ademais de portar a documentación da súa mascota, as persoas que fagan uso da praia deben ter en conta que os animais non poderán adentrarse en máis de 100 metros na costa para non interferir nos bancos marisqueiros existentes nas proximidades.
Ao mesmo tempo, os cans considerados potencialmente perigosos deberán ter o bozal posto en todo momento. Por último, lémbrase que é obrigatorio recoller os excrementos e deposicións dos animais ou, do contrario, os usuarios expoñeranse a unha multa.
O concelleiro de Medio Ambiente destaca o bo comportamento que están a ter as persoas usuarias desde que se habilitou un areal que, tal e como lembrou o propio Xosé Luís Martínez, conta con bos acesos e prazas de estacionamento próximas, situadas no Parque da Memoria.