Que efectos terá para os viticultores a declaración da emerxencia cinexética polo xabaril?
Por Redacción
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e representantes dos consellos reguladores dalgunhas das denominacións de orixe vitivinícolas presentes en Galicia mantiveron este xoves unha xuntanza para analizar os efectos para o sector da declaración da emerxencia cinexética temporal polo xabaril, vixente desde o pasado venres en gran parte da Comunidade.
Entre as 29 comarcas galegas nas que se aplicará esta medida ata o vindeiro 27 de febreiro figuran algunhas das que concentran unha maior actividade vitivinícola, un dos sectores agrícolas no que nos últimos anos se teñen constatado máis danos derivados dos ataques destes animais.
O director do órgano de control do consello regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Agustín Lago coincidiu en subliñar a preocupación entre os viticultores polas perdas económicas derivadas dos xabarís e celebraron a medida adoptada pola Xunta nas súas comarcas con relación á declaración da emerxencia cinexética.
Este sector é un dos que se pode acoller á orde de axudas para paliar os danos producidos por esta especie. Estudaranse a incidencia en cada comarca: superficie afectada e proporción desta con relación ao territorio total destinado a cultivos en cada zona; número de avisos por danos; accidentes de tráfico causados por esta especie; e peso das explotacións porcinas respecto ao censo galego total.
Esta é a segunda vez que a Xunta decide recorrer á emerxencia cinexética temporal, unha medida extraordinaria prevista no regulamento de caza para cando nunha comarca exista unha determinada especie que resulta especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia actividade cinexética.
A finalidade principal deste instrumento é axilizar a aplicación práctica de medidas orientadas ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura, naquelas zonas que concentran unha maior incidencia.
Así, tal e como lles explicou a directora xeral, durante a vixencia da declaración permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas; ampliaranse os períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética; e estará autorizado o uso de medios auxiliares —visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.
Trátase, en todo caso, dunha medida adicional e complementaria á caza regrada nos terreos cinexéticos e tamén ás actuacións de control por danos que se autoricen, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na normativa vixente.