Funeraria San Marcos tamén aposta todo ao granate
Por Manu Otero & Mónica Patxot
"O día que morra, quero o meu caixón, pintado de granate, como o meu corazón". É un cántico habitual da inchada do Pontevedra que Funeraria San Marcos pode converter en realidade. A empresa presentou este venres en Pasarón o seu novo coche fúnebre pintado coas cores do equipo de fútbol da cidade. Unha mostra de apoio ao club e unha oferta moi interesante para os clientes que levan ao Pontevedra no máis profundo do seu corazón.
Acompañado por traballadores da empresa e dirixentes do Pontevedra como, Manuel Ruibal ou Marcos del Río, o presidente de San Marcos, Juan Perdiz explicou as razóns que levou á firma para cambiar o negro tradicional deste tipo de vehículos polo granate. "Trátase dun lugar de Pontevedra como é Pasarón e unha cor como é a granate que identifica á cidade. Quixemos darlle un servicio máis aos veciños cunha cor coa que se identifique", declarou o empresario, quen quixo lembrar tamén que "San Marcos está apoiando a diferentes clubs da cidade e temos unha campaña que é de apoio a asociacións, como as de Sïndrome de Down, coa venda de camisetas".
Pola súa banda, o director xeral do Pontevedra CF, Marcos del Río, comentou que "San Marcos que é un patrocinador moi valorado, como todos os que temos no clube" e como mostra de gratitude "quixemos facer este acto en común para iniciar a tempada e para mostrar tamén a toda a afección que Pasarón é a casa de todos os pontevedreses e dos anunciantes".
Tamén se mostrou moi agradecido con San Marcos porque "é unha mostra de afecto que valoramos moitísimo", recoñeceu del Río, quen ademais considera que o novo vehículo casa á perfección co slogan de campaña de abonados que ten en marcha a entidade. "O eslogan desta tempada é 'Todo ao Granate' e é unha proba de que de verdade todo, todo, todo vai ao granate".
Relacionadas:
-
"A min a San Marcos", a campaña solidaria con moita retranca dunha funeraria
Por Oskar Viéitez |
-
Funeraria San Marcos impulsa o Proxecto Raíces para lembrar a persoa falecida cunha árbore
Por Noticia patrocinada |
-
Juan Perdiz, xerente de San Marcos, destapa que empresas funerarias impiden con enganos a despedida de familiares
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |