O reforzo de seguridade culmina a reforma do Camiño da Outeira
Por Redacción
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), e a tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, Chelo Besada (PSdeG-PSOE), inspeccionaron o aspecto que loce o Camiño da Outeira, logo da finalización dos traballos acometidos por ambos departamentos municipais tanto no que se refire á mellora da vía como ao reforzo da seguridade para peóns.
Este camiño atópase nas proximidades do IES Poio, na parroquia de San Xoán, sendo moi utilizado tanto polo alumnado como pola veciñanza en xeral.
Os traballos que culminaron a posta a punto deste espazo foron os acometidos por Seguridade Cidadá, consistentes no pintado e na colocación de sinalización, a través da cal o camiño pasa a ser de sentido único. Deste xeito, os vehículos só poderán circular en dirección á PO-308. A velocidade queda limitada a 20 quilómetros hora. Habilítase tamén un paso para peóns ao inicio desta conexión, para reforzar a seguridade para viandantes.
"O feito de que agora os automóbiles só circulen nunha única dirección tamén permite que os peóns dispoñan dun maior espazo para transitar a pé", indicou Marga Caldas.
Antes de aplicar estas medidas en chave de seguridade, a Concellería de Obras e Servizos xa acometera os traballos necesarios para darlle unha importante transformación ao Camiño da Outeira. Ademais da dotación dun pavimento en firme, tamén se ampliaron as cunetas e se procedeu á instalación de novos servizos, a través dunha tubaxe para a canalización de augas pluviais.
Precisamente, esta última tarefa foi a que provocou que a obra se demorase na súa finalización, xa que previamente resultou necesaria a realización dun estudo topográfico. Durante o tempo que permaneceu parada a obra por mor deste trámite, dotouse á superficie de xabre, para facilitar o paso dos viandantes.
Tanto Marga Caldas como Chelo Besada expresan o seu agradecemento aos veciños que colaboraron cedendo parte das súas parcelas para facilitar o ancheo do camiño. As concelleiras do Goberno local inciden en que esta actuación da resposta a unha petición da cidadanía e salientan a importancia de que os traballos xa estean finalizados antes do inicio de curso, de xeito que "a comunidade educativa xa poderá transitar por esta zona con total seguridade".