Pontevedra releva a La Rinconada (Sevilla) como sede do congreso "Ciudades que caminan"
Por Redacción
"Agárdavos unha experiencia interesante, tanto por coñecer Pontevedra, como porque se convertirá nun foro de contraste de experiencias das que todos temos moito que aprender". Foi a mensaxe que quixo mandar o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, aos asistentes ao I congreso Ciudades que caminan, o foro sobre mobilidade peonil que se celebrou na localidade sevillana de La Rinconada.
Fíxoo despois de que a Asamblea General de las Ciudades que caminan nomeárao, presidente de honra durante un ano desta entidade que engloba máis de medio cento de poboacións de España e Portugal. Dito cargo recae nel por ser o alcalde da cidade que acollerá, no 2014, a segunda edición deste congreso, segundo Fernández Lores "un recoñecemento á transformación de Pontevedra nunha cidade amable e de alta calidade peonil".
Na súa intervención, o alcalde pontevedrés destacou que todas as cidades que forman parte desta rede "nos podemos axudar uns a outros a conseguir que as cidades sexan eses espazos de calidade onde todos queremos vivir, e non lugares agresivos e ameazantes para a seguridade das persoas". E mostrouse convencido de que todas as cidades irán converténdose en espazos de convivencia que se xestionen baixo as liñas marcadas polo congreso, "que coinciden cos criterios aplicados na nosa reforma urbana e no noso modelo de cidade".
Previamente, o director do Congreso leu a acta do xurado dos Premios Ciudades que caminan, convocatoria á que non se presentou Pontevedra, que recaeron nas cidades de Irún e Torrelodones (Madrid), ambas por interesantes execucións relacionadas co espazo público e o fomento peonil. Xa na clausura leuse a Carta dos Peóns, aprobada polo Parlamento Europeo en 1988, e que vai definindo os puntos básicos que definen o modelo peonil que propón esta rede.
INTERVENCION DE MACENLLE
No marco do congreso, o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, expuxo os aspectos básicos do modelo de cidade de Pontevedra. Asegurou que recollen "unha por unha" todas as demandas do gran número de organizacións non gobernamentais que forman parte da rede, as relacionadas coa defensa dos peóns, os camiños escolares ou as bicicletas.
As preguntas que no debate estiveron dirixidas a Macenlle estiveron relacionadas principalmente co modelo de aparcamentos en superficie (de servizos e carga e descarga). Neste sentido, respondeu que o control do tempo de estacionamento realízase manualmente polos axentes locais, "se ben existe o proxecto de mecanizalo cunha cámara móbil que axude a mecanizar os datos e garanta un mellor uso do espazo por toda a cidadanía".
Ademais, cuestionado sobre a receptividade que este tipo de iniciativas teñen entre os políticos locais, o intendente da Policía Local explicou que "a transformación de Pontevedra nunha cidade amable" está impulsada precisamente polo equipo de goberno, en contraste, dixo, coa maioría dos lugares, "onde son as entidades sociais ou mesmo os técnicos sensibles a estas medidas os que lideran e reclaman estas iniciativas".
Relacionadas:
-
As 'cidades que camiñan' centran a súa mirada en Pontevedra durante os dous próximos días
Por Alejandro Espiño |
-
Macenlle expoñerá en Sevilla a "participación activa" da Policía Local no modelo de cidade
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá en 2014 o II Congreso "Ciudades que caminan"
Por Redacción |