Campo Lameiro rexeita a visita periódica da unidade móbil de Abanca
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O peche da oficina de Abanca de Campo Lameiro segue coleando. Entre protestas dos veciños e declaracións institucionais, o alcalde Carlos Costa negocia unha solución cos dirixentes territoriais do banco en Pontevedra.
A última oferta, consistente enenviar unha unidade móbil (autobús) ao concello unha vez por semana e contratar a unha persoa para instruír aos usuarios no manexo do caixeiro, foi rexeitada pola corporación, que continúa coa tramitación para declarar persoa non grata ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, no municipio.
"A nosa oficina é unha das máis activas da provincia e o poden testemuñar ben os medios de comunicación que desde hai casi un mes que están a diario no municipio poden ver como a entrada e saída de persoas facendo xestións bancarias é unha constante que demostra da importancia e da relevancia que esta sucursal ten para o tecido económico e social do noso municipio", defende o alcalde.
A pesar de tratarse dunha "proposta mísera", a corporación municipal segue aberta ao dialogo coa entidade bancaria. "Agardamos que busquen unha saída digna, que está moi lonxe dun autobús por semana e un caixeiro titorado por unha persoa durante uns días. Segue aberta a porta do diálogo pero, por favor, sexan serios”, piden aos responsables da entidade desde o goberno local.
Mentres tanto, desde o goberno local xa iniciaron contactos con outras entidades bancarias para que instalen unha oficina no municipio.