Deteñen na peaxe da AP-9 en Vilaboa un veciño de Cambados con 485 gramos de cocaína
Por Redacción
A Garda Civil detivo por presunto delito tráfico de drogas un veciño de Cambados interceptado o pasado mércores 8 de setembro na peaxe da AP-9 ao seu paso por Vilaboa.
Os feitos tiveron lugar no marco dun dispositivo de seguridade habilitado na autoestrada e no participaban patrullas dos postos da Garda Civil de Moaña e Marín, ademais de Seprona e Tráfico.
Segundo relata a Benemérita os axentes observaron como se achegaba un vehículo que, ao darse conta da súa presenza, cambiou de dirección bruscamente para achegarse á beiravía e lanzar pola ventá unha bolsa de plástico.
Detido o turismo identifícase ao condutor como un veciño de Cambados de 23 anos, con antecedentes por delito de roubo con intimidación.
Ante esta situación a Garda Civil realizou unha procura no lugar no que pensaban que se atopaba a bolsa lanzada atopándoa nunha canalización de augas. No seu interior atopábase un paquete envasado ao baleiro con 485 gramos de cocaína.
Tras este feito, o equipo da Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas ampliou a investigación, solicitando da autoridade xudicial autorización para rexistrar dous domicilios na rúa Ourense e na rúa Montesacro de Cambados, onde se interveu unha arma curta, unha báscula de precisión e 3.520 euros.
Entregadas as dilixencias, o Xulgado de Garda de Cangas decretou o ingreso en prisión provisional do detido.