Seis maiores de 45 anos fórmanse en informática con COGAMI para mellorar o seu acceso ao emprego
Por Redacción
Seis persoas maiores de 45 anos de Pontevedra, Poio, Marín e Cambados están a recibir formación en informática para mellorar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
Trátase de cinco alumnos e unha alumna que están apuntadas como demandantes de emprego no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Pontevedra
Todas elas teñen recoñecido o certificado de discapacidade ou o de incapacidade laboral para a profesión habitual e, salvo unha delas, todas superan os 45 anos de idade, de maneira que están consideradas como colectivo desfavorecido na procura de emprego.
Estas seis persoas iniciaron un curso de formación en alfabetización informática nas instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra que ten como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral mediante a adquisición de habilidades informáticas necesarias para a xestión da vida diaria e para a realización de trámites coas administracións, así como a adquisición de competencias para desenvolverse por si mesmas na xestión de ofertas de emprego difundidas a través de Internet e no manexo do ordenador para desenvolver tarefas propias dos diferentes empregos aos que optan.
Esta formación conta abrangue un total de 40 horas lectivas, sendo impartidas durante as mañás, en horario de 9 a 14 horas.