A Asociación Estriceres traslada á Xunta as súas propostas ao proxecto de reforma da estrada vella de Marín
Por Oskar Viéitez
Representantes da Asociación Veciñal " Estriceres", de Lourizán, participaron este venres nunha reunión cos responsables da Axencia Galega de Infraestruturas na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra, para falar do proxecto de mellora da PO-546, coñecida como a estrada vella de Marín.
Desde Estriceres cualificaron como "feo e cansino" que outros colectivos veciñais "representativos da parroquia" como son, ao seu xuízo, os de Pontemuíños, San Andrés ou A Fonte non fosen convidados a este encontro "e pola contra teñamos que asistir a un novo exercicio de puro clientelismo, coa presenza da asociación Armel, que como se ten sinalado no pasado, é o chiringuito do PP en Lourizán, unha 'asociación' sen socias, presidida por unha dirixente do PP municipal".
Ademais Estriceres criticou que os representantes da Consellería limitásense a presentar o proxecto de reforma do tramo de Estribela, que está en fase de alegacións ata o 3 de novembro, sen que se falase dos tramos correspondentes a Mollavao e Os Praceres.
Os representantes veciñais explicaron as súas propostas sendo emprazados a un próximo encontro cando a empresa redacte o proxecto da obra. "Pola nosa parte preferimos que a empresa se reúna con nós máis dunha vez ao longo destes meses, para que poidamos participar dunha maneira real e efectiva. E non dentro de 5 meses cando o proxecto xa estea redactado e o peixe vendido", valoraron.
Estriceres presentará por rexistro as súas propostas nas que insisten "en que cando desde a Consellería se fala de 'sendeiro para peóns e para ciclistas', non nos queda moi claro a que se refiren e sospeitamos que pretenden ocupar o Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT). Nós o que queremos é un tratamento urbano na reforma, con beirrarúas en ambos sentidos e carril-bici, sen ocupación do DPMT".
OBRAS DO RIAL E DO OUTEIRO
Por outra banda, a asociación veciñal Estriceres reclama ao Concello de Pontevedra que termine " dunha vez" as obras nos camiños de Rial e Outeiro e afirman que "se nos empeza a esgotar a paciencia" xa que as obras comezaron en 2019, fai tres anos.
No ano 2020, cun 30% da obra executada, a empresa adxudicataria entrou en quebra, e houbo que esperar a 2021 para que o Concello resolvese o contrato para concluír as obras, "a día de hoxe estamos peor que en abril de 2019, cos camiños desfeitos e co inicio do outono e de camiño ao inverno e á chegada das das chuvas", lamentan.
Nos seus intentos por coñecer un posible calendario de execución, "no Concello ninguén nos respondeu", engade a asociación.
Relacionadas:
-
O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para as obras da primeira fase da estrada PO-546 en Estribela
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Xunta proxecta humanizar a estrada vella a Marín e catro aparcadoiros na contorna da capital
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A primeira fase da mellora da estrada vella de Marín suporá expropiar 12 fincas e poderá estar en obras en 2022
Por Natalia Puga |
-
Estudan alternativas para reformar a PO-546 entre Mollavao e Praceres
Por Redacción |
-
A reforma da PO-546 en Estribela custará preto de 900.000 euros
Por Redacción |