Os socialistas de Marín atribúen o peche temporal da piscina municipal ao "deixamento" do goberno local
Por Redacción
As obras de mellora da piscina municipal de Marín non tardaron en levantar polémica, sobre todo desde o partido da oposición. "De novo volve sorprender a falta de previsión e planificación do actual grupo de goberno no que a mantemento de instalacións deportivas se refire", explican desde o PSOE.
Os socialistas non entenden o novo peche das instalacións despois de permanecer pechada ao público "durante moitos meses" con motivo da pandemia. Agora, desde o goberno local achacan labores de mantemento para volver pechala e "usuarios e cursillistas terán que estar varias semanas sen servizo por culpa de non planificar correctamente as obras", destacan.
Unha situación que xa ocorreu en anteriores ocasións. De feito, no estadio municipal de San Pedro, "en lugar de aproveitar os meses de parón por pandemia para a súa execución, estas executáronse en plena tempada dalgúns deportes co consecuente prexuízo para clubs e deportistas".
No caso da piscina municipal, o PSOE sinala que xa solicitaran os labores de mantemento e non entenden como "un mes despois da tardía apertura ao público, agora comunícase á empresa que xestiona a piscina que a partir deste 1 de outubro terán que pechar a piscina de novo para a realización dunhas obras de mellora do perímetro do vaso e limpeza".
Segundo Diego González, "estas idas e vindas causan un gran descontento e agudizan o problema de perda de abonados". Unhas cifras que se traducen na baixada dos 1.500 en setembro de 2019, ao 900 a setembro de 2020 e a menos de 300 en actualidade, polo que reclama un plan de mantemento de instalacións deportivas "para planificar as intervencións para executar nas nosas instalacións municipais e evitar con iso situacións como a actual".