Carlos Hervés, matemático marinense especializado en economía, recibirá a medalla de Investigación 2021 da RAGC
Por Redacción
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) fixo público o nome das persoas que recibirán este ano as Medallas de Investigación que outorgan entre profesionais científicos galegos que se atopa en activo nas Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
Trátase da terceira edición de entrega destas distincións, unha iniciativa que quere recoñecer a traxectoria en investigación que se desenvolve en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e da tecnoloxía para tratar de difundir os valores científicos entre a sociedade.
Entre os cinco catedráticos premiados neste 2021 atópase o marinense Carlos Hervés Beloso, que recibirá a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC.
Carlos Hervés (Marín, 1953) é catedrático desde 1989. No ano 1975 comezou a exercer como docente e investigador, nese mesmo ano licenciouse en Ciencias Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) con premio extraordinario. Completou estudos de doutoramento na Universidade de Nancy, en Francia, para obter o título con premio extraordinario en 1979 tamén na USC.
Cursou ademais estudos postdoutorais en Trinity College e na University College Dublin para incorporarse ao Colexio Universitario de Vigo onde se interesou polos traballos do Premio Nobel de Economía en 1984, G. Debreu.
Na súa traxectoria destaca que exerceu de profesor convidado no departamento de economía da Universidade de Harvard. Foi catedrático en comisión de servizos na Universidade Carlos III para finalmente recalar na Universidade de Vigo. As súas publicacións, desde 1988, atópanse dirixidas cara á teoría económica e foron recollidas polas máis prestixiosas revistas deste ámbito como Journal of Economics, ou Economic Letters, entre outras. Dirixiu unha ducia de tese de doutoramento e participado en tribunais de Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Reino Unido e España. En 2011 foi nomeado Fellow da Society for Adavancement of Economic Theory e en 2012 converteuse en membro de honra da Sociedade Española de Economía.
Actualmente dirixe o centro ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) e coordina ao grupo de investigación RGEAF (Research Group in Economic Analysis, Accounting and Finance).
Hervés afirma que tivo a sorte de gozar do seu labor como profesor, porque nunca deixou de aprender: "Síntome especialmente orgulloso dos meus discípulos, daqueles que iniciaron a súa carreira investigadora cunha tese doutoral que no seu momento dirixín, que pronto se converteron nos meus coautores e que, hoxe en día, teñen unha exitosa carreira académica".
O 8 de outubro recibirá a distinción, no acto do Día da Ciencia en Galicia, no que tamén serán galardoados os catedráticos Carmen Álvarez, Luís Castedo, Manuel Ladra e María Antonia Señarís.