Condenan un mozo a 1 ano e 9 meses de prisión por ameazar a unha fiscal e a un policía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un ano e nove meses de prisión a un mozo como autor dun delito de atentado por ameazar a unha fiscal e un axente da Policía Autonómica durante a súa comparecencia diante da Fiscalía de menores no edificio xudicial da Parda.
O xuízo resolveuse por un acordo de conformidade entre as partes. Inicialmente a Fiscalía solicitaba para el unha condena de dous anos e medio de cárcere pero finalmente, pactouse unha rebaixa ao recoñecer o acusado a autoría dos feitos.
O tribunal tivo en conta a atenuante moi cualificada de drogadicción e outra de alienación mental. Este mozo xa tiña antecedentes por delitos de ameazas, con dúas condenas en firme do ano 2016 en Vigo.
Ademais da pena de 1 ano e 9 meses de prisión terá que facer fronte a unha multa de 4 meses e 5 días cunha cota diaria de 6 euros, coa privación de 1 día de liberdade por cada dúas cotas non satisfeitas.
Segundo relata o escrito de acusación da Fiscalía, e agora pasan a ser feitos probados, o 24 de outubro de 2018 o procesado nunha comparecencia na Fiscalía de Menores de Pontevedra ameazou á fiscal e o policía dicíndolles: "Como me quiten a mi hijo, os mato a todos", con intención de amedrentalos e menoscabar a súa autoridade. Ao policía tamén lle dixo especificamente: "A ti te voy a buscar a la Autonómica, no tengo miedo a ir a la cárcel. Ya sabes que tengo una pistola y voy a buscarte".
A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.