A Lonxa de Portonovo acolle a Festa da Empanada Mariñeira
Por Redacción
Portonovo inaugura este sábado a súa terceira edición da III Festa da Empanada Mariñeira, unha cita que se converte nun auténtico mostrario de degustación dos mellores produtos do mar nunha receita, a empanada, que é sempre un acerto para o padal.
Baixo o selo de calidade"PescadeRías, de onde senon?" os que se acheguen esta fin de semana á lonxa portonovesa poderán gozar de empanadas de Xoubas de Portonovo, de Millo de Berberechos de Carril, de Polbo de Bueu, de Xarda de Portonovo, de Raia de Portonovo, de Navalla da Ría de Pontevedra, de Choco de Redondela, de Congro de Portonovo, de Vieiras de Cambados, de Anguía de Arcade, de Algas de Cangas, de Zamburiñas de Cambados, de Produtos do Mar de Muros, de Bonito de Burela, de Mexillón de Galicia e de Peixe Espada da Guarda.
Ás 13 horas deste sábado está prevista a apertura dos postos de degustación. Haberá tamén unha exposición de "Embarcacións artesanais en Galicia" e "Artes de Pesca de Galicia".
Ás 13:15 horas, os asistentes poderán gozar dun showcooking "A empanada mariñeira na dieta saudable" e outro, ás 18 horas, "Unha aposta pola empanda mariñeira ecolóxica". Ás 20:30 poderase gozar dunha actuación musical e ás 21:30 horas pecharanse as instalacións.
O domingo, os postos de degustación abriranse unha hora antes, ás 12 horas. Media hora máis tarde, a lonxa acollerá un Maridaxe da Empanada Mariñeira cos Viños Galegos. Ás 13:30 horas, actuación musical a cargo de "Xirin e amigos". Ás 17:35 horas, Obradoiro Peque-Empanada, para nenos de 5 a 12 anos, a cargo de Rocío Caramés. As instalacións pecharanse ás 20:30 horas.
O domingo celebrarase o concurso popular para elixir a mellor empanada. A inscrición é gratuíta e pode presentarse calquera persoa maior de 18 anos antes das 14 horas do mesmo día. Os interesados poderán anotarse no correo electrónico mjcastro@gruponortemca.es, no teléfono 986 861 343 ou o mesmo día no punto de información habilitado na lonxa. Nos tres casos deberase facilitar o nome e apelidos, teléfono de contacto, localidade de procedencia e produtos PescadeRías empregados.
A cata das empanadas será realizada por un xurado profesional ás 17:30 horas e ás 18:30 horas emitirase o fallo. Haberá premios para os 3 primeiros clasificados. O primeiro premio, hospedaxe, cea e sesión spa para dúas persoas no Hotel Nova Astur; o segundo, cea para dúas persoas na Mariscaría O Pescador de Portonovo e o terceiro, sesión spa para 2 persoas no Hotel Novo Astur.