Un cento de clientes utilizan a unidade móbil de Abanca na súa primeira mañá en Campo Lameiro
Por Redacción
O servizo bancario regresou este martes a Campo Lameiro. Despois do polémico peche da oficina de Abanca no municipio, a entidade bancaria anunciou que unha unidade móbil iría á localidade para atender á poboación e ese servizo foi realidade.
A unidade móbil desprazada ata a Praza do Concello por Abanca atendeu á poboación entre as 9.00 e as 14.00 horas e deu servizo a un cento de persoas, a gran maioría de idade avanzada.
Esta unidade móbil vai prestar o servizo bancario presencial tres días á semana, os martes e xoves pola mañá (de 9 a 14 horas en horario ininterrompido) e os mércores pola tarde (de 17 a 19 horas). Ademais, estará os días 4 e 20 de cada mes (de 9 a 24 horas), coincidindo cos días de Feira.
En cumprimento ao compromiso adquirido polos responsables territoriais de Abanca e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, o pasado 24 de setembro técnicos de Abanca xa procederon a deixar totalmente operativo o caixeiro automático para retirada e ingreso de efectivo, pago de recibos e impostos con tarxeta ou libreta, transferencias e traspasos, ou solicitude de movementos.
O alcalde valorou positivamente que se recuperaran os servizos bancarios presenciais no municipio aínda que puxo en dúbida a eficiencia da medida por parte de Abanca xa que dispón de oficina en propiedade. Certamente non vemos como lles pode resultar máis vantaxoso trasladar un autobús e tres operarios nesta unidade móbil en lugar de abrir a oficina que teñen aquí, perfectamente adaptada, ampla, moderna e con todas as comodidades e que era moitas veces atendida por unha soa persoa. En fin, son cousas que terán que analizar eles", opinou.
Carlos Costa tamén anunciou que se porá en contacto cos responsables territoriais de Abanca para solicitarlle medidas que faciliten un mellor acceso á unidade móbil bancaria, xa que presenta dúas escaleiras un tanto incómodas para as persoas con dificultades de mobilidade.