A rapazada do Froebel recupera os recreos na rúa
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Foi unha medida adoptada o curso pasado para asegurar un patio de recreo seguro para o alumnado das Doroteas e do Froebel en plena pandemia da covid-19. Agora que a presión hospitalaria está no seu mínimo histórico e que as restricións comezan a desaparecer, a rúa Alfonso XIII volve pecharse ao tráfico durante 45 minutos cada mañá para goce da comunidade escolar.
Con todo, a dirección das Doroteas xa comunicou que non farán uso da rúa e aos escolares do Froebel só lles autorizan a facer uso do tramo correspondente á fachada do centro. Aínda así, o Concello ordenou cortar ao tráfico toda a rúa, incluída as dúas saídas dos dous garaxes comunitarios, a pesar de que a súa circulación non intefiere no recreo dos menores.
"É unha medida ilóxica e desproporcionada", asegura unha veciña da rúa que non entende por que se lles impide sacar o coche dos seus garaxes cando só un pequeno tramo da vía emprégase como patio de recreo. "Entendo que debería cortarse a zona que necesitan e compatibilizar os usos dos garaxes, que están no tramo de rúa que non se está empregando. Vémonos prexudicados porque non é incompatible co que solicita o centro, que nos parece moi razoable", argumenta unha das afectados, quen anuncia que a comunidade de veciños presentarán un escrito en sinal de protesta ante o Concello.
Nesta primeira xornada de peche, a Policía Local estacionou un dos seus vehículos na entrada da rúa, á altura do cruzamento con Echegaray, e impediu que dous turismos puidesen saír dos seus garaxes en dirección á Ponte da Barca. Un tramo de apenas 50 metros moi afastado da zona de recreo do Froebel, situado ao comezo da rúa, na zona da praza de Concepción Arenal.
"Isto é un encordio para todos os veciños, porque non baixou ninguén á rúa. O Froebel está na outra esquina, non ten sentido. É unha norma que hai que cumprir, pero é unha barbaridade", protesta un dos condutores afectados.
Non só os residentes se ven prexudicados por esta decisión, tamén os usuarios dos negocios da zona. "É un trastorno para todos, paréceme fatal. Veño deixar ao neno a terapia varias veces á semana e hai moitos nenos que veñen a este centro que teñen problemas de mobilidade", quéixase a nai dun menor usuario dun centro de terapia situado nesta rúa.
"O resto do día pasan coches e non hai ninguén controlando se cumpren o sinal que teñen ou non. Eu saquei o coche porque sei que non hai nenos, dinme que non podo pasar, pois deixo o coche e voume a tomar un café que estou xubilado e non teño nada que facer. Pero que pasa se nalgunha destas casas hai unha urxencia e hai que levar a alguén ao hospital?", exponse outro dos condutores interceptado polos axentes.
A comparación con outra rúa que correu unha sorte similar é inevitable en Alfonso XIII. "Están empregando o tema dos rapaces para cortar a rúa definitivamente. Igual que fixeron en Raíña Vitoria", sostén un empresario do lugar. Outros van máis aló e auguran un trompazo do BNG nas próximas eleccións por esta decisión. "Isto vailles á afectar nas próximas eleccións municipais, moita xente deixaraos de votar. O de Raíña Vitoria é outra animalada. Que se ateña ás consecuencias o alcalde no tema electoral", advirte outro dos condutores que non puido sacar o seu coche do garaxe.
Mentres tanto, no colexio foxen da polémica veciñal e céntranse nos beneficios deste corte para os estudantes de Primaria. "Non é un recreo improvisado, levamos moito tempo agardando a que se producira", puntualiza o director do centro, Pedro Mariño.
"É o que necesitaban os nenos porque este cole non ten espazo exterior para gozar do recreo. Temos tres quendas de recreo e os nenos queren un espazo non que poidan correr sen limitacións e usamos o espazo que nos establece a delegación territorial", resolveu o docente.