A área sanitaria vive unha xornada estable cun único contaxio e 27 casos activos en total
Por Alejandro Espiño
Xornada de estabilidade na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés onde apenas se rexistran cambios con respecto ao día de onte. Hai 27 casos activos, apenas un máis. Non se trata dun contaxio novo, senón da recaída dunha persoa que xa figuraba como curada.
Todo segue igual, pola súa banda, entre os pacientes hospitalizados. Os dous que hai seguen ingresados en Montecelo. Un deles está en planta e o outro, en estado máis grave, na unidade de coidados críticos (UCI).
Non hai ningún nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez.
Desde o inicio da pandemia 21.213 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19. É un menos que onte porque, segundo explica Sanidade, unha das persoas que xa dera negativo volveu a positivizar.
Pola súa banda, ata o momento rexistráronse 205 falecementos asociados ao virus.
Ata 185 probas PCR realizáronse onte, que fan un total de 305.362 na área sanitaria. A estas probas súmanse as 144.825 probas de antíxenos e outras 109.502 probas de detección realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 472, 6 máis que o día anterior. Deles, 153 son da área da Coruña, 51 da de Lugo, 71 da de Ourense, 27 da de Pontevedra, 87 da de Vigo, 72 da de Santiago e 11 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 7 están en UCI, 31 en unidades de hospitalización e 434 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 179.602 persoas curadas, rexistrándose 2.646 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.866.923 probas PCR, 2.114 nas últimas 24 horas, que xunto co resto de probas diagnósticas permitiron detectar 37 novos infectados.