Comeza a mellora do xardín da praza de España
Por Redacción
Este martes comezaron os primeiros traballos de axardinamento da praza de España, co replanteo da obra e o valado de todo o recinto. Segundo informou este martes a concelleira responsable de Parques e Xardíns, Anxos Riveiro, este proxecto está incluído dentro dun máis amplo que afecta aos Xardíns de Vicenti e da avenida de Montero Ríos, e que ten un orzamento duns 150.000 euros.
Os traballos nas Palmeiras, que comezaron logo das festas do verán, xa están rematados e consistiron na instalación de rego automático programado en todo o parque (até o de agora era automático, pero había que activalo manualmente).
Os traballos na avenida de Montero Ríos consisten no saneamento e mantemento das especies vexetais nobres que se atopan na zona.
A última parte do proxecto é a intervención na praza do Concello, onde está previsto a mellora do xardín de entrada á Alameda coa instalación de rego automático, plantación de novas árbores e especies arbustivas, e completarase a intervención con céspede.
Finalmente tamén se procederá a mellora dos paseos de xabre, resituaranse as balizas para conseguir a aliñación correcta ao respecto das escaleiras da Alameda, e colocarase un sistema de drenaxe de augas pluviais.