Dez detidos nunha redada antidroga en Pontevedra e bisbarra
Por Natalia Puga
Polo menos dez persoas foron detidas na mañá deste martes nunha rechamante redada antidroga desenvolvida pola Garda Civil na cidade de Pontevedra e outros municipios limítrofes da comarca.
No caso da capital o operativo centrouse no barrio dos Salgueiriños, onde a primeira hora da mañá se realizou un amplo dispositivo de patrullas da Garda Civil e se procedeu á detención da maior parte dos arrestados. Varios deles son de etnia xitana e atribúenselle delitos contra a saúde pública e posiblemente outro tipo de delitos contra o patrimonio.
A operación coordínaa un Xulgado de Instrución de Pontevedra, que decretou o segredo do sumario porque o operativo aínda segue aberto e se prevén máis detencións nas próximas horas.
Por parte da Garda Civil a investigación corresponde á Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra, que leva bastante tempo realizando xestións entorno aos detidos e as actividades, que desenvolven por toda a bisbarra pontevedresa.
O despregamento policial chamou a atención dos veciños dos Salgueiriños este martes, aínda que a maioría mantén un mutismo absoluto sobre o sucedido. "Fue a primera hora de la mañana, sobre las diez o antes estaban aquí varias patrullas y una ambulancia también", relata unha comerciante da zona. Outras fontes veciñais aseguran que "se llevaron a alguno detenido y entraron en varias casas", pero os consultados aseguran descoñecer a que familias do barrio afectou a actuación policial.
Relacionadas:
-
Desartellan un punto negro de tráfico de drogas nun bar dos Salgueiriños
Por Natalia Puga |
-
A Garda Civil desmantela en Pontevedra unha banda especializada no roubo de xoias en vivendas durante días de sol
Por Redacción |
-
A xuíza deixa en liberdade con cargos a todos os detidos da redada de Pontevedra, Vilaboa e Cotobade
Por Natalia Puga |