A xuíza deixa en liberdade con cargos a todos os detidos da redada de Pontevedra, Vilaboa e Cotobade
Por Natalia Puga
A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou a posta en liberdade de todos os detidos na última redada desenvolvida pola Garda Civil na bisbarra de Pontevedra. Dos dez arrestados, catro xa quedaran libres en primeiras horas posteriores ao desenvolvemento da opeación e os outros seis pasaron a disposición xudicial ao longo da mañá deste xoves.
Fontes xudiciais confirmaron que os seis detidos, que seguían nos calabozos da Comandancia da Garda Civil, chegaron aos xulgados da Parda a primeira hora da mañá, pero non prestaron declaración ante a xuíza ata as 13.00 horas. Todos estaban asistidos por avogados da quenda de oficio e durante as horas que permaneceron na sede xudicial congregáronse nos arredores do Xulgado de Garda varias decenas de familiares e amigos.
Esta redada, que se desenvolveu de forma simultánea en barrio pontevedrés dos Salgueiriños, na parroquia de Tenorio de Cotobade e en Postemirón (Vilaboa), forma parte dunha investigación da Policía Xudicial que segue aberta, de modo que a xuíza confirmou o segredo de sumario.
Prevense máis detencións en posteriores fases do operativo e, ata o momento, vincúlase aos xa arrestados con máis de 20 roubos en casas habitadas cometidos nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña.
Os detidos presatron declaración por delitos de pertenza a grupo criminal, delitos contra a saúde pública e delitos contra o patrimonio que van dende roubos con forza na casa habitada a furtos e receptación, isto é, a compra-venda de obxectos con coñecemento de son roubados.
Os rexistros domiciliarios realizados pola Garda Civil nos tres municipios pontevedreses permitiron recuperar parte do diñeiro, as xoias e equipos informáticos e electrodomésticos supostamente roubados polos integrantes desta rede.
Relacionadas:
-
A Garda Civil desmantela en Pontevedra unha banda especializada no roubo de xoias en vivendas durante días de sol
Por Redacción |
-
Atribúen unha vintena de roubos en casas aos detidos na última redada da Garda Civil
Por Natalia Puga |
-
Dez detidos nunha redada antidroga en Pontevedra e bisbarra
Por Natalia Puga |