Atribúen unha vintena de roubos en casas aos detidos na última redada da Garda Civil
Por Natalia Puga
As dez persoas detidas na última redada desenvolvida pola Garda Civil na comarca de Pontevedra están vinculados con máis de 20 roubos en casas habitadas cometidas nos últimos tempos na provincia e en Ourense e A Coruña. Os seus arrestos ao longo da mañá do martes son a primeira fase dunha operación que aínda non se deu por pechada e na que se prevén máis detencións, de aí que se decretase o segredo de sumario.
Fontes da investigación sinalaron que dos dez detidos catro xa están en liberdade e os outros seis están á espera de pasar a disposición xudicial. Nas primeiras horas do operativo quedou en liberdade un menor de idade e ao longo da mañá deste mércores outras tres persoas.
O operativo desenvolveuse de forma simultánea a primeira hora da mañá do martes no barrio pontevedrés dos Salgueiriños, na parroquia de Tenorio de Cotobade e en Postemirón (Vilaboa) e é froito dunha investigación que coordina un xulgado pontevedrés por delitos contra o patrimonio e contra a saúde pública.
Os detidos poderían pertencer a un mesmo grupo criminal que se dedicaría ao tráfico de drogas, o roubo en casas e a posterior venda dos obxectos substraídos. Nos 20 roubos que se lle atribúen terían substraído dende diñeiro en efectivo a xoias ou equipos informáticos, algúns dos cales se recuperaron durante os seis rexistros realizados na mañá do martes.
A Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra liderou a redada realizada en Pontevedra, Vilaboa e Cotobade, na que tamén participaron outras unidades como o Grupo Rural de Seguridade (GRS). O despregamento policial desenvolveuse entre grande expectación veciñal, en especial, en Postemirón e Os Salgueiriños, onde os veciños aseguran que os axentes realizaron detencións e se levaron diversos obxectos e algún vehículo.