Edugal dá o pistoletazo de saída á súa décima edición marcada pola recuperación da presencialidade
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A décima edición de Edugal, o Salón da Oferta Educativa e de Formación de Galicia, inaugurouse este mércores no Recinto Feiral de Pontevedra, cun acto multitudinario no que participaron representantes das principais administracións galegas, do tecido empresarial, civil e militar, das universidades, dos institutos e un amplo número de estudantes de diversos centros educativos. A presencialidade de todos os actos do programa e a recuperación da normalidade despois de ano e medio de restricións pola pandemia é unha das principais novidades desta edición.
Con 56 expositores, entre os que se atopan diferentes facultades e escolas da Universidade de Vigo, universidades de fóra de Galicia, academias, institutos de Formación Profesional, institucións políticas e mesmo a Federación Galega de Fútbol ou a Escola de Cantería da Deputación; o encargado de abrir o acto inaugural foi o presidente da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa, Jose María Corujo, quen destacou que este Congreso foi un dos poucos que non se viu afectado pola pandemia, posto que a novena edición puido celebrarse en febreiro do 2020 e, ao ano seguinte, volve celebrarse en condicións próximas á normalidade.
As visitas de estudantes e a oferta educativa en materias relacionadas coas novas tecnoloxías sitúaas Corujo como dúas dos principais piares deste ano.
O seguinte en tomar a palabra foi o deputado provincial Santos Héctor, que ve en Edugal "a oportunidade perfecta para elixir formación e que estudar para entrar no mercado laboral". Neste sentido referiuse ás oportunidades que brinda a Escola de Cantería do ente provincial e tamén ao Plan Labora de inserción no mercado de traballo.
En representación do Concello de Pontevedra, falou a concelleira de Turismo, Promoción Económica e Igualdade, Yoya Blanco, quen animou a todos os asistentes a participar nas actividades do congreso como os coloquios despois de enumerar e destacar a calidade da oferta dos 56 expositores.
Pechou o acto inaugural, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, para destacar o "simbolismo" deste acto por diversas razóns. En primeiro lugar porque se trata dun dos primeiros eventos presenciais en moitos meses e tamén porque coincide co 40 aniversario das primeiras eleccións autonómicas celebradas en Galicia. Un feito que serve para botar a vista atrás e comparar como evolucionou a sociedade e a educación en Galicia. Neste sentido, o conselleiro quixo defender que "a educación non é un fin, é un medio para formar persoas e o futuro de todos nós para que se reflexe nos postos produtivos e que a sociedade avance". A democratización do acceso á Universidade foi outro fito que Román Rodríguez quixo poñer en valor.
Despois dos dicursos, a comitiva levou a cabo o tradicional paseo polas diferentes casetas de Edugal, polos que xa levaban pasando durante horas numerosos estudantes procedentes de diferentes centros educativos de Galicia.
Un dos postos que máis miradas acaparou foi o das Forzas Armadas. Alí estaba o capitán de fragata e xefe de recrutamento da Subdelegación de Defensa en Pontevedra, César Barros, e o seu equipo. "Estamos para dar información de acceso ás Forzas Armadas e á formación que un pode obter dentro", explicou. As titulacións universitarias de medicina, enxeñería mecánica e organización industrial son en grao sumo atractivo, pero na caseta lembran que tamén ofrecen diferentes titulacións de Formación Profesional para a escala de suboficiais.
Outro das casetas máis rechamantes, por contar con diferentes tipo de drons e ata un simulador de voo, foi do ciclo superior de mantemento aeromecánico do instituto lucense As Mercedes. É o único centro en Galicia, e un dos cinco en España, que ofrece formación específica no deseño e mantemento de vehículos da industria aeronáutica. A innovación é un dos piares desta titulación cuxa taxa de inserción no mercado laboral supera o 80 % é unha dos seus acenos de identidade. Ademais do mantemento de avións, céntranse tamén no deseño de drons, impresión 3D ou a fabricación de pezas.
Dos centros da contorna de Pontevedra, o de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo non deixou de recibir visitas durante toda a mañá. O monopraza da escuadra Uvigo MotorSport, deseñado por estudantes de titulacións tan variadas como enxeñería industrial, mecánica ou de historia, que compite no campionato Formula Student segue sendo o principal reclamo dunha facultade que non deixa de gañar alumnos.
Tamén había institutos de Formación Profesional, é o caso do IES Frei Martín Sarmineto de Pontevedra que desprazou a Edugal ao seu departamento de Imaxe Persoal. Durante o próximos tres días, no posto poderán observarse os traballos realizados en modelos inanimados relacionados coa caracterización dunha katrina típica da festa mexicana de Defuntos, así como peiteados e recolleitos gañadores da última edición do certame Galicia Skill. Sesións de estilismo masculino, manicura, maquillaxe para cubrir feridas, contusións ou hemorraxias, tratamentos estéticos e de dermoestética ou clases de drenaxe linfático e técnicas de presión son só algúns asuntos que compoñen a oferta destas titulacións.
Relacionadas:
-
10.000 persoas visitarán durante tres días as propostas formativas de Edugal no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Edugal abre as súas portas para construír pontes entre o mundo educativo e o laboral
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Edugal regresa ao recinto feiral do 26 ao 28 de outubro con máis de 60 expositores
Por Redacción |
-
A décima edición de Edugal regresa con máis de 50 expositores, showcooking, mesas redondas e obradoiros
Por Redacción |
-
Estudantes de máis de 600 centros educativos de Galicia analizaron en Edugal as futuras opcións académicas
Por Cristina Saiz & Redacción |