41 centros de secundaria participarán no certame provincial de Regueifa
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua e en colaboración coa Asociación Oral de Galicia, vén de impulsar un novo certame provincial de Regueifa que conta coa participación de 41 centros de Ensino Secundario da provincia.
A iniciativa está dividida en diferentes obradoiros formativos arredor da improvisación oral en verso nos que xa está a participar a rapazada e nunha exhibición final na que as equipas dos diferentes institutos se retarán dialecticamente para gañar o certame.
Os obradoiros están dirixidos a alumnado da ESO e estanse a celebrar en dúas quendas. A primeira comezou o pasado día 13 e finalizará este mércores, e a segunda comezará o 25 de outubro e rematará o 5 de novembro.
A demostración final, que terá lugar o 19 de novembro no auditorio do CVC de Valadares en Vigo, estará limitada a dez centros, clasificándose estes en base ao nivel do alumnado, a súa implicación e o número de rapaces interesados.
O obxectivo das sesión formativas é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap.
Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica, introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén a ironía e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas.
Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, a intención de levar adiante este novo certame é promover actividades para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición.
Relacionadas:
-
'Regreso á Illa de San Simón' será reeditado ante a alta expectación xerada
Por Redacción |
-
A Gala da Memoria homenaxeará a través da música ás persoas asasinadas e represaliadas polo franquismo
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación bota a andar a Colección Medal da man da poeta Lucía Novas
Por Redacción |