Recupérase a cita tradicional co Samaín en Campelo
Por Redacción
En 2020 suspendíase a Festa do Samaín en Campelo pola incidencia da covid-19, pero neste outono de 2021, a Asociación de Mulleres Arela impulsou esta cita festiva destinada tanto ao público infantil como adulto.
A festa, que conta coa colaboración da concellería de Cultura, desenvolverase durante o vindeiro sábado 30 de outubro na Praza da Granxa de Campelo, se as condicións meteorolóxicas permíteno.
Este luns a presidenta de Arela, Esperanza Álvarez, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, presentaban as actividades desta celebración tradicional. Os actos comezarán ás 19.30 horas e finalizarán ás 22.00 horas. Segundo sinalaron terán que cumprirse todas as medidas de seguridade sanitaria entre os asistentes.
Recomendan aos participantes que leven unha lanterna porque está previsto un "apagamento terrorífico". Actuarán a Araña Matilda, a cargo de Koremi, e tamén se presentará un espectáculo de animación para público infantil titulado Corredoira do Terror.
A asociación tamén anima ás persoas residentes en Campelo a adornar os balcóns e fachadas das súas vivendas con elementos propios desta época do ano como cabazas.
O acto concluirá coa entrega de premios aos gañadores do Concurso de Microrrelatos Os misterios de Kam. As persoas autoras dos textos mellor valorados nas tres categorías obterán 100 euros e un agasallo conmemorativo.