'Monte Porreiro Quere Avanzar' pide unha solución para as carreiras ilegais e os 'trompos' detectados en varias rúas do barrio
Por Redacción
Unha representación da plataforma veciñal 'Monte Porreiro Quere Avanzar' mantivo a pasada semana unha reunión co concelleiro responsable de Obras Urbanas e Transportes de Pontevedra, Demetrio Gómez, para trasladarlle as súas demandas. Entre outras, pedíronlle unha solución para as carreiras ilegais que detectaron que se levan a cabo, sobre todo, na rúa Dinamarca, así como a presenza de vehículos que fan 'trompos' no cruzamento entre as rúas Bélxica e Reino Unido.
A reunión chegou como resposta a unha solicitude do colectivo veciñal e realizouse nun formato pouco habitual, dando un paseo polo barrio. Durante este percorrido, fixéronlle chegar ao concelleiro distintas melloras para esta contorna, consideradas relevantes por esta plataforma, unha vez que o Concello anunciou que renunciaba ao proxecto de humanización que tiñan programado pola oposición de parte do barrio á peonalización da rúa Alemaña.
A rúa Alemaña centra parte das demandas do colectivo. Así, puxo sobre a mesa unha proposta para a colocación de 'lombos' e máis pasos de peóns na rúa Portugal no tramo entre o cruzamento con Alemaña e con Illa de Man, posto que os vehículos acadan velocidades "moi relevantes" nese treito e as persoas so teñen dúas opcións para cruzar nun tramo de 250 metros. Tamén consideran "relevante" o reasfaltado da zona máis danada desta rúa.
Tamén nesta rúa, o colectivo pide apoio á solicitude da ANPA do IES Luís Seoane para habilitar un novo paso de peóns á altura do centro cultural, así como da colocación dunha marquesiña máis grande para ese espazo, fundamentalmente motivada polas necesidades do transporte escolar.
As demandas complétanse coa colocación de contedores de lixo, sobre todo nesta rúa Alemaña, xa que provocan importantes problemas de visión a condutores e viandantes, o que pon en risco a seguridade viaria; reasfaltados nesta rúa e en Bélxica, Alemaña e Reino Unido; e buscar unha solución para unha finca na que o acceso de vehículos para estacionar na mesma provoca importantes danos nas beirarrúas.
A plataforma tamén pide que se estude habilitar dous aparcamentos na rúa Grecia e ampliar o estacionamento entre as rúas Armónica e Cornubia, así como ampliar a beirarrúa na rúa Grecia, á altura do número 8, para facela accesible, posto que "agora mesmo resulta inviable transitar por ela cunha cadeira de rodas ou un carro de bebé".
A posta en funcionamento do composteiro comunitario xa construído na rúa Grecia ou o arranxo da entrada do Parque do Mirador, facendo continua a beirarrúa e suprimindo ese paso de peóns son outras das súas demandas.
Segundo informan desde a plataforma, obtiveron o compromiso do Concello de estudar todas as súas demandas.
Relacionadas:
-
Cortan o tráfico na rúa Dinamarca para acabar coas carreiras de coches
Por Redacción |
-
O Concello lanza unha enquisa para completar o plan de reforma urbana de Monte Porreiro
Por Manu Otero |
-
Seis rúas de Monte Porreiro serán pavimentadas a partir do luns
Por Redacción |
-
A falta de entendemento entre a asociación de veciños e o Concello paraliza os investimentos en Monte Porreiro
Por Manu Otero |
-
Os veciños consideran unha "burla máis" que se paralice a humanización de Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
'Monte Porreiro quere avanzar', en desacordo coa reordenación do tráfico que implica a reforma das rúas Grecia e Alemaña
Por Redacción & Mónica Patxot | Creada e actualizada