Seis rúas de Monte Porreiro serán pavimentadas a partir do luns
Por Redacción
A primeira fase de asfaltados urbanos rematará a vindeira semana cunha actuación en diversas rúas do barrio de Monte Porreiro co obxectivo de reparar danos e deterioros nos pavimentos.
As pavimentacións en Monte Porreiro comezarán este luns 8 de novembro co asfaltado dun carril da rúa Portugal, onde tamén se realizarán calmados de tráfico que obrigarán a mover un paso de peóns que se atopa diante dun garaxe.
Pola súa banda, nas rúas Reino Unido e Alemaña pavimentarán distintos panos da rúa onde o asfalto se atope máis deteriorado, como xa fixeron noutras zonas da cidade como Eduardo Pondal.
Ademais, o Concello ten previsto un calmado de tráfico na rúa Bélxica, no seu entronque coa rúa Reino Unido, creando un paso de peóns sobreelevado e dándolle continuidade ao circuíto peonil da rúa polo lado esquerdo, dado que na actualidade non existe.
Tamén teñen previsto asfaltar parcialmente as rúas Italia e Armórica.
Esta serie de actuacións non supoñen peches ao tráfico de ningunha das rúas, agás os correspondentes cortes puntuais segundo se vaian desenvolvendo os traballos, que se viron alterados debido ao mal tempo, obrigando ao Concello a atrasar ata o vindeiro luns os de Monte Porreiro, cando tiñan previsto que finalizasen esta semana.
Nestes quince días melloráronse a rúa San Amaro, con motivo do Día de Todos os Santos; repuxeron o firme da rúa Poza da Barcia, no Marco; pavimentaron un carril da rúa Rafael Areses; repuxeron o firme na rúa Juan Bautista Andrade, dende o cruzamento da rúa Luís Otero ata a altura da rúa Cordón, e neste ámbito instalaron redutores de velocidade en Cordón e en Francisco Asorey.
Por último, pavimentaron a rúa Valdecorvos, ao carón da capela de San Amaro; reordenaron a rúa Palamios coa colocación dun redutor de velocidade á altura do ximnasio da rúa, elevaron o cruzamento con Rosalía de Castro, e pintaron a dobre dirección detrás do instituto Sánchez Cantón. Tamén asfaltaron a rúa Antón Vilar Ponte.
Esta serie de actuacións están a cargo do contrato de sostemento dos espazos públicos urbanos que executa a empresa COVSA, por valor de 450.000 euros para 2021.
Relacionadas:
-
Preparan o novo contrato para o sostemento do espazo público tras case esgotar o crédito do actual
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello lanza unha enquisa para completar o plan de reforma urbana de Monte Porreiro
Por Manu Otero |
-
Quince rúas do municipio serán pavimentadas antes do 5 de novembro
Por Redacción |
-
'Monte Porreiro Quere Avanzar' pide unha solución para as carreiras ilegais e os 'trompos' detectados en varias rúas do barrio
Por Redacción |