Pontevedra segue pagando as súas facturas cun retraso menor aos 30 días que marca a lei
Por Redacción
O Concello de Pontevedra logrou manter o periodo medio de pago das súas facturas por baixo dos 30 días que marca a lei. No terceiro trimestre do ano, entre xullo e setembro, os provedores cobraron cunha demora media de 29,63 días, o que mantén a Pontevedra, segundo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, como unha das administracións máis áxiles á hora de abonar estes pagos.
Este dato é lixeiramente superior ao conseguido no segundo trimestre do ano, algo que Raimundo González vinculou, entre outras cuestións, ás vacacións estivais, que fixeron que algún servizo demorase a tramitación das facturas máis do debido. En todo caso, sinalou que "se collemos todas as facturas que non se pagan en prazo", o atraso medio é de 9,55 días, fronte aos 18 do periodo anterior.
Por iso é polo que o concelleiro nacionalista insistise en que a situación "é boa" e cualificase este dato como "incontestable" para xustificar a boa saúde económica do Concello que permite "pagar en prazo".
En total, neste terceiro trimestre de 2013, o Concello de Pontevedra abonou, en concepto de gastos correntes e investimentos, un total de 6,83 millóns de euros. De todos eles, 3,8 millóns pagáronse antes dos 30 días regulamentarios e outros 1,8 millóns fixéronse cunha demora máxima de dez días.