A crise de materias primas atrasa o remate das obras do Paseo Alcalde Blanco de Marín
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, visitaron este venres xunto cos técnicos municipais e os traballadores da empresa adxudicataria, as obras do Paseo Alcalde Blanco. O proxecto está moi avanzado, pero a crise de subministros que se está a producir a nivel global está a retrasar a colocación dalgúns elementos, como as madeiras das bancadas ou certas cuestións do establecemento hostaleiro da punta.
Con todo, si que seguen a avanzar na colocación do que será un dos grandes atractivos do novo Paseo Alcalde Blanco: os novos xogos de agua. A zona de ocio conta con cinco elementos que se activan a través dunha botoneira táctil, para activar un circuito de 4 minutos durante os que sae auga, creando un circuito lúdico que permite mollarse e resfrescarse de cara ao verán. Trátase dun circuito pechado, que conta con dous desaugadoiros que recollen toda a auga que sae dos elementos para reutilizala no momento no que se volven activar.
No que respecta ao local de hostalería, estase a traballar na creación dos pregos para a concesión do mesmo, que definirán a súa execución. A alcaldesa avanzou a pé de obra que a reconfiguración do paseo será “unha oportunidade para redesfrutar este espazo privilexiado que temos, cunha nova distribución e estética”.
A obra, que está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, ten un orzamento total de 1.135.000 euros e forma parte da estratexia de desenvolvemento urbano sostible Marín Dusi.
Relacionadas:
-
Solicitan sombras na zona de xogos de auga do Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción |
-
Cancelada por mal tempo a inauguración do Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción |
-
As obras de mellora do Paseo alcalde Blanco avanzan en prazo
Por Redacción |
-
Avanza a remodelación do Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción |
-
O Paseo Alcalde Blanco comeza mostrar a súa nova imaxe, cun miradoiro á ría en pleno centro urbano
Por Redacción |