EduCAANdo, a campaña para concienciar os escolares sobre a responsabilidade de adoptar animais
Por Mónica Patxot & María José Pita
Nun ano de récord de adopcións no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, o organismo provincial impulsa unha campaña para implicar aos máis pequenos da casa neste proceso, concienciándoos no que significa adoptar un can e axudándoos a que coñezan todas as responsabilidades que implica a adaptación á nova casa dun xeito lúdico e didáctico.
EduCAANdo é o nome desta campaña, elaborada integramente desde o servizo de Comunicación Institucional da Deputación co asesoramento do centro CAAN, e que está dirixida á sensibilización de escolares de Educación Primaria para promover a adopción responsable de animais.
"Unha sociedade que protexe ao animais é unha sociedade que vale a pena. O noso compromiso co benestar animal e que a cativada comprenda que un animal non é un xoguete senón unha grande responsabilidade a través das diferentes accións da campaña", manifestaba a presidenta provincial, Carmela Silva.
CONTO ILUSTRADO
A campaña artéllase a través do libro ilustrado 'Benvida á casa, Onza', escrito por Andrea Méndez e coas ilustracións de Elena del Cerro.
O conto presenta a Xiana, unha nena de sete anos de Salceda de Caselas que leva tempo pensando en adoptar un can. Ana e Miguel, a nai e o pai da nena, falan con Xiana da responsabilidade que supón ter un animal en casa e, despois de explicarlle en detalle as tarefas que deberá asumir, valoran que xa está preparada para ocuparse do seu coidado, sempre baixo supervisión adulta. A familia decide visitar o Centro de Acollida e Protección de Animais para informarse sobre o proceso de adopción e alí coñecen a Onza, unha cadela de 5 anos. Están felices por iniciar esta nova aventura.
Este relato ilustrado será distribuído polos colexios da provincia de Pontevedra e complementarase con charlas dos profesionais do CAAN nas aulas e visitas por parte dos escolares ao Centro de Acollida. A primeira destas será a dun colexio situado no propio concello de Meis. O director do CEIP de Mosteiro-Meis, Luis Camilo Fernández Álvarez, manifestaba que, neste sentido, "no noso centro sempre estamos abertos ás iniciativas de sensibilización da cativada. Non podíamos deixar escapar esta oportunidade que nos brinda a Deputación para que o alumnado coñeza o centro".
RÉCORD DE ADOPCIÓNS NO CAAN
O Centro de Acollida e Protección de Animais está a rexistrar os seus mellores números neste 2021. "Desde o 1 de xaneiro levamos 576 cadelas e cans adoptados. É un dato espectacular porque o ano pasado levábamos a estas alturas 466 animais adoptados. Polo tanto, levamos 108 adopcións máis que no mesmo período do 2020", expoñía a presidenta provincial.
Neste momento, o CAAN ten nas súas instalacións en Meis 195 cans que precisan de adopción. Unha cifra relativamente baixa se temos en conta que no que levamos de ano, con datos actualizados a 31 de outubro, o centro recolleu 1.028 cans. Facendo contas, neste ano 833 cans e cadelas atoparon un fogar, tanto por medio da adopción como da recuperación por parte dos propietarios, nos casos de cans que se perderan e foron acollidos temporalmente no CAAN.
O obxectivo de 2021 para a Deputación de Pontevedra é acadar as 600 adopcións, manifestaba a presidenta Carmela Silva, quen está segura de que se superará con creces, xa que o final do ano soe ser un período de incremento significativo de adopcións. Con todo, alerta de que este 2021 constátase unha lixeira subida de abandonos, de aí a importancia da concienciación da nova campaña institucional.
Así mesmo, Silva lembraba que "o pasado mes de maio lanzábamos o reto da adopción dos cans e cadelas de maior idade no centro e o conseguimos". De todos eles, hai un can para o que a presidenta pedía a colaboración cidadá. Trátase de Posto, un cruce de pitbull de 3 anos recollido en Redondela e que é o can que leva máis tempo no Centro de Acollida, desde 2018, agardando unha familia que queira adoptalo.