Meaño contará cunha plataforma única na estrada EP-9302 ao seu paso por Broullón e Aldea de Abaixo
Por Redacción
A estrada provincial EP-9302, que transcorre polo Concello de Meaño, incorporará dous espazos de prioridade peonil coa construción de plataformas únicas sobreelevadas ao paso polos núcleos rurais de Broullón (Xil) e Aldea de Abaixo (Covas). As obras, que contarán cun orzamento de 375.468 euros, financiaranse cun convenio no que a Deputación achegará o 70% e a institución municipal o 30% restante. O acordo foi ratificado este venres pola Xunta de Goberno provincial.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou os dous ámbitos co alcalde meañés, Carlos Viéitez, e varios concelleiros. Nestes dous núcleos rurais a calzada ten ancho irregular cun máximo de cinco metros, carece de beirarrúas ou beiravías, e transcorre confinada entre casas e muros de peche.
O responsable de Infraestruturas destacou a calidade das actuacións que se van emprender, tanto polo tratamento do espazo, poñendo en valor os núcleos, como polo avance en materia de seguridade para a veciñanza de Meaño nunha estrada que comunica Xil, Cobas e Barrantes ao longo de 6 quilómetros e rexistra non só tráfico local, senón tamén de rango comarcal polo Salnés.
As novas zonas de convivencia de Broullón e Aldea de Abaixo serán construídas en formigón e consistirán nunha plataforma sobreelevada 10 centímetros. O novo pavimento intercalará cada 14 metros un bordo transversal de pedra natural gris de 30 centímetros de ancho. Ademais, na contorna da capela das Angustias, en Broullón, empregarase un pavimento de lousa de granito gris para dar continuidade á contorna patrimonial do adro do recinto relixioso. As obras comezarán coa demolición do pavimento asfáltico existente e a preparación do terreo. A preferencia peonil nas dúas travesías polos núcleos rurais reforzarase coa sinalización horizontal e vertical necesarias para limitar a velocidade
REDES SOTERRADAS PARA OS SERVIZOS
A Deputación eliminará tamén as caóticas redes aéreas de iluminación, telefonía e electricidade, con numerosos postes e soterrará tódalas conducións. A nova rede de iluminación estará resolta con luminarias led de 70 watios sobre columnas e, na zona da igrexa, con farois en fachada. Tamén se contempla unha completa actuación para a drenaxe das augas pluviais coa dotación dunha rede constituída por colectores de PVC de 400 milímetros de diámetro e sumidoiros en ambas marxes e pozo de rexistro central.