O albariño tamén namora o embaixador de Xapón
Por Redacción
O embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh, coñeceu este sábado de primeira man como se elabora o albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas e sinalou que nos últimos anos este caldo galego incrementou notablemente a exportación ó país asiático.
Satoru Satoh asegurou que o albariño está sendo "moi ben acollido e aceptado no seu país porque combina de xeito excelente coa gastronomía japonesa, baseada nos peixes, mariscos e produtos do mar, por iso está incrementando cada ano as cifras de exportación". "O mercado xaponés é moi esixente en canto a calidade, pero moi fiel cando lle gusta un produto", suliñou.
Asemade, Sato considera que "é un momento idóneo para que as adegas inicien campañas de venda en Xapón, porque os produtos españois están de moda aló, e abriron nos últimos anos moitos bares e restaurantes onde -sobre todo a xente moza- disfruta dos viños albariños, entre outros, e da música española".
O obxectivo da visita era coñecer in situ unha das adegas das cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas de Galicia. O gran potencial enoturístico de Galicia como destino, a existencia de cinco Rutas dos Viños de Galicia e o feito de traballar no desenvolvemento de iniciativas que potencien a enogastronomía como produto turístico foron algúns dos temas abordados durante a visita na que o embaixador de Xapón en España tivo ocasión de afondar no seu coñecemento do territorio vitivinícola galego.
Xapón é un dos países aos que a Denominación de Orixe Rías Baixas exporta boa parte da súa produción vinícola. De feito, nesta campaña, o volume de exportacións vinícolas cara ao país nipón tense incrementado nun 26,5% con respecto á campaña anterior; isto implica que as 34 adegas que exportan produción a Xapón xeraron un volume de negocio de 500.000 euros exportando 80.000 litros.
O embaixador nipón visitou, en concreto, a adega de Martín Códax acompañado polo alcalde de Cambados, Luis Aragunde; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado territorial da Xunta, José M. Cores Tourís; a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; o presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araújo; e o director general de Patrimonio Cultural da Junta de Castilla y León, Enrique Saiz.