Residuos mariños convértense en pezas de exposición no gastromercado
Por Redacción
'Así na terra como no mar' é a exposición que poderá visitarse durante todo o mes de novembro no gastromercado da praza de abastos. A mostra foi elaborada a partir dos diferentes residuos mariños atopados nas nosas costas durante os últimos anos.
O material foi 'coleccionado' pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e busca concienciar e informar á cidadanía sobre o impacto que o lixo e as accións cotiás da humanidade teñen na saúde das rías galegas.
Esta exposición enmárcase no proxecto do corpo europeo de solidariedade The No Waste Project, impulsado pola organización Ticket2Europe coa finalidade de poñer en valor accións sostibles e fomentar actividades e propostas respectuosas e responsables co medio ambiente.
Os diferentes tipos de residuos foron instalados con carteis informativos nos que se pode atopar a súa procedencia e unha serie de datos relevantes sobre os mesmos ou sobre curiosidades relacionadas coas condutas sostibles que se queren promover.
A Autoridade Portuaria brinda deste xeito a oportunidade de utilizar unha exposición de residuos marítimos que leva categorizando desde hai uns anos.
Entre eles hai obxectos sorprendentes tanto en lonxevidade como en extravagancia, desde esqueletos de cetáceos ata envoltorios de xampús para o cabelo do ano 1980.
A exposición en Pontevedra de todo este material está impulsada polos departamentos municipais de Desenvolvemento Sostible e de Promoción Económica.